A CRMH da Coruña presenta unha queixa diante da imposibilidade de visita pública á Casa Cornide
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ven de presentar na mañá de hoxe a través do seu presidente, dunha queixa diante da Valedora do Pobo polo imposibilidade do acceso público á Casa Cornide.
O vindeiro mes de maio cumprirase un ano da declaración da Casa Cornide como Ben de Interese Cultural (publicado no DOG no mes de maio a resolución de 27 de abril), e ata a data de hoxe non se deu cumprimento ao dereito da cidadanía de acceso público recollido na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza.
En concreto, o texto da queixa presentada, é o seguinte:
1.- O DOG publicou no mes de maio de 2023 a declaración como Ben de Interese Cultural do inmoble coñecido como Casa Cornide ubicado na rúa Donas da cidade da Coruña.
2. A Lei 5/2016 de patrimonio cultural de Galiza establece no seu artigo 48.1 que “as persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais sobre os bens de interese cultural especificamente declarados permitirán a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente”.
3. Que non consta causa xustificada que dispense á propiedade deste ben do cumprimento da obriga de permitir a visita pública regulamentada no artigo citado no punto anterior, nin que a consellaría de Cultura requerise o cumprimento da obriga de acceso ao público ao ben citado, de acordo coas competencias que lle atribúe a Lei 5/2016 no seu artigo 48.4.
Polo tanto, estase a incumprir o dereito de visita pública coa pasividade da administración competente, isto é, a Consellería de Cultura.