Actualidade

A CRMH da Coruña presenta solicitude de declaración de O Portiño como Lugar de Memoria Democrática

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ven de presentar escrito de solicitude para declaración do Memorial/Monumento ás vítimas do “O Portiño” na Coruña como Lugar da Memoria Democrática, de conformidade co disposto nos artigos 49 e 50 da Lei 20/2022, do 19 de outubro, de Memoria Democrática.

Esta nova solicitude súmase ás presentadas pola CRMH da Coruña para a declaración do Pazo de Meirás e a antiga prisión provincial da Coruña como Lugares de Memoria Democrática, pendentes de incoación por parte do Estado.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña presentou diante do rexistro da Dirección Xeral de Promoción da Memoria Democrática, escrito de solicitude de incoación do procedemento para a declaración do Memorial/Monumento ás vítimas do “O Portiño” na Coruña como Lugar da Memoria Democrática.

No escrito recóllense as determinacións esixidas na Lei (artigos 49 e 50 da Lei de Memoria Democrática) para a incoación do procedemento, como son os datos sobre os bens obxecto do expediente e a xustificación dos valores materiais simbólicos e históricos que xustifican a declaración do monumento memorial do Portiño como Lugar de Memoria Democrática.

Neste sentido, o escrito recolle a reconstrución da frustrada tentativa de fuga que tivo lugar no Portiño (A Coruña) a noite do 3 ao 4 de marzo de 1937, fortemente reprimida pola garda civil e forzas militares que provocaron que moita xente se tirase ao mar perecendo afogados ou como resultado dos disparos das forzas armadas franquistas. Tamén resultaron detidas 28 persoas aos que se lles formaría un consello de guerra co resultado de unha persoa paseada, 15 condenas de morte, e diferentes condenas de prisión (desde a cadea perpetua ate os 15 anos de prisión). Aínda que se descoñece a identidade de moitas das persoas mortas como consecuencia da frustrada fuga do Portiño, no escrito recóllense a identidade de 20 persoas, ademais de outras 12 que cumpriron penas de prisión polos feitos do Portiño.

Os casos de Luis Pita da Veiga Mojón e Federico Rivadulla Rivero.

Na relación de detidos pola garda civil aquela noite do 3 ao 4 de marzo de 1937 figuran 28 persoas. Máis o consello de guerra que se forma contra eles figuran 27. A razón está en que hai unha persoa que a conducen e a pasean no Campo da Rata en Durmideiras (A Coruña). Trátase de Luis Pita da Veiga Mojón, natural de Mondego (Sada) quen fora membro do Ateneo de Cultura, Política e Social de Sada como secretario, e militante de Izquierda Republicana”

Tamén, nesa relación de 27 persoas ás que se lles formou un Consello de Guerra, figura Federico Rivadulla Gómez, cando na realidade a quen someten a este infame proceso da xustiza militar franquista no cuartel de Atocha da Coruña é ao seu fillo de 17 anos Federico Rivadulla Rivero, a quen condenan á pena de morte e fusilan xunto a outras 14 persoas detidas nos sucesos do Portiño o 9 de outubro de 1937. Todas elas conducidas ao cemiterio de Santo Amaro da Coruña e enterradas clandestinamente en fosas na que permanecen a día de hoxe moitos deles.

Estas son as razóns de que non figuren estes nomes no memorial que se atopa no Portiño.

O Memorial ás vítimas do Portiño.

No escrito recóllese a historia deste monumento que nace dunha proposta da CRMH da Coruña do ano 2007, para que no Portiño, lugar onde aconteceron os feitos dramáticos da frustada fuga, existise unha lembranza perpetua de memoria, que agora solicitamos que teña declaración formal conforme á Lei.

No escrito tamén se recolle a un resumo do actuado nese lugar, desde a recuperación historiográfica dos feitos como a elaboración colocación e significado do Monumento elaborado no seu día polo artista Pepe Galán.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *