
A CRMH da Coruña, xunto a outras entidades de memoria reúnense co BNG
O BNG exixe que o Pazo de Meirás sexa centro de memoria da loita contra o franquismo
Néstor Rego, reclama, conxuntamente con representantes de colectivos memorialistas, a rectificación da resolución que declara o Pazo de Meirás como lugar de memoria para centrala nas vítimas da represión, o espolio e a loita antifranquista.
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reivindicou hoxe diante do Pazo de Meirás, a importancia histórica da loita do nacionalismo e o movemento memorialista na recuperación do Pazo para o pobo galego. Así mesmo, reclamou ao igual que os colectivos memorialistas, a necesidade de avanzar na declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria mais centrado na súa verdadeira historia, o espolio e as vítimas da represión franquista.
Na comparecencia, Néstor Rego estivo acompañado, da deputada Iria Taibo, do activista da memoria, Carlos Babío, así como representantes da CRMH, da Asociación Alexandre Bóveda e da Asociación Memoria, Verdade e Xustiza, ou dos 19 de Meirás entre outros.
Despois de que hai unhas semanas fose feita pública a Resolución declarando “Meirás” lugar de memoria, o BNG insta o Goberno a atender o recurso presentado polas organizacións memorialistas que reclaman que a historia do lugar non sexa deturpada, que se centre, como lugar de memoria, na memoria das vítimas da represión, no espolio e extorsión exercido polo franquismo. Neste sentido, demandou que se incorpore o recoñecemento do movemento memorialista como parte promotora e se rectifique o relato para que as vítimas sexan o elemento central, na liña do contemplado na propia Lei de Memoria Democrática.
O BNG fai súas o conxunto das reclamacións dos colectivos en defensa da memoria histórica, que inclúen a recuperación da denominación de “Pazo de Meirás” que é o nome de uso social común, o que consideran “unha estratexia para a ocultación do relato memorialístico e que borra o nome de referencia máis coñecido”. Ao tempo denuncian a utilización da figura de Emilia Pardo Bazán como centro da declaración como lugar de memoria, case como se a escritora fose a vítima represaliada polo franquismo.
Para o deputado do BNG o Pazo de Meirás “non pode servir para ocultar a loita contra a represión franquista ao tempo que se romantiza o lugar para centrar o espazo na figura de Pardo Bazán, mais sen vinculalo ás vítimas”. Así, lembrou a reivindicación histórica de devolver o Pazo de Meirá ao pobo galego haxa unha auténtica xustiza, reparación e memoria dos crimes da ditadura.
Pola súa parte, Carlos Babío destacou o apoio de numerosas asociacións do ámbito memorialista, social e cultural, mesmo do conxunto do Estado español, e destacados historiadores, activistas da Galiza. “A declaración de Meirás como lugar de memoria democrática ten que ser leal coa súa historia e que sirva á memoria das vítimas da represión, da xustiza, da verdade e da reparación” apunta Babío.
Fonte: Bloque Nacionacionalsta Galego https://www.bng.gal/articulo/novas/bng-exixe-que-pazo-meiras-sexa-centro-memoria-da-loita-franquismo/20261009125216043584.amp.html


