
Catorce anos e un océano por ser escoitado: a miña declaración ante a Xustiza de Bos Aires
Por Miguel Ángel Gómez Álvarez, membro de “La Comuna de presos y presas del franquismo”, e da CRMH da Coruña, asociacións que forma parte de CEAQUA
O pasado 17 de novembro saín dos xulgados federais de Bos Aires cunha emoción difícil de expresar con palabras. Despois de máis dunha década de espera, portas pechadas e unha viaxe de miles de quilómetros, por fin puiden mirarlle aos ollos a unha xuíza e contarlle o que me pasou. Por fin, un xulgado, aínda que sexa ao outro lado do Atlántico, escoitou a miña verdade.
A miña historia de persecución durante a ditadura comezou hai máis de medio século, por opoñerme ao réxime fascista do ditador Franco e loitar pola democracia, a liberdade e a xustiza social.
Fun detido dúas veces: a primeira vez en 1971 e a segunda en 1973. Durante ese segundo arresto, pasei sete días no soto da Dirección Xeral de Seguridade (DGS) de Madrid, onde fun brutalmente torturado pola policía política. Despois chegou a farsa xudicial: o Tribunal de Orde Pública (TOP) condenoume a oito anos de prisión, dos cales pasei tres anos encerrado en varias prisións do réxime.
A miña viaxe na procura de xustiza tomou forma legal en 2012, cando me unai á querela arxentina contra os crimes do franquismo (causa 4591/2010) para denunciar esas torturas e ese encarceramento inxusto.
Desde entón, cada paso foi unha carreira de obstáculos erixida polas institucións do meu propio país. A xuíza arxentina María Romilda Servini solicitou a extradición dun dos meus torturadores, Antonio González Pacheco, alias “Billy el niño”, pero os tribunais españois denegárona. Tamén me denegaron o permiso para declarar por videoconferencia desde España ante o xulgado de Bos Aires. En 2019, volvín intentalo na casa: presentei unha demanda nos tribunais españois buscando ser escoitado e obter a tutela xudicial efectiva polos crimes de lesa humanidade que sufrín. A resposta foi a mesma de sempre: sobresemento e silencio.
Ante a impunidade en España, só me quedaba unha opción: cruzar o océano.
Vir á Arxentina e sentarme a declarar —asistido polos avogados arxentinos que colaboran desinteresadamente coa Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina (CeAQUA)— foi moito máis que un procedemento legal. Foi un acto de reparación moral e colectiva. Mentres en España seguen a impoñer o esquecemento e a bloquear calquera investigación sobre os crimes da ditadura, aquí, baixo a protección da Xurisdición Universal dos Dereitos Humanos, atopei a protección que o meu propio país me nega.
Un dos meus torturadores morreu sen ser xulgado nin desposuído das súas medallas, pero a memoria non se esvaece, nin tampouco a dignidade. Hoxe volvo coa profunda satisfacción de ter deixado o meu testemuño —o meu tempo na DGS, a condena do TOP e os anos que pasei no cárcere— documentado nun expediente xudicial. Non pedimos vinganza; pedimos verdade, xustiza e reparacións. E aínda que tiven que viaxar ata Bos Aires para conseguilo, onte demos un paso máis para garantir que o silencio e a impunidade xa non sexan a única resposta.
