Actualidade

Loitas pola memoria. Antioquia (Colombia) e Galiza. Experiencias do memorialismo de base, políticas publicas de memoria e a batalla polo relato

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, xunto ao Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (HISTAGRA) da USC e o Máster en Métodos Avanzados de Investigación e Innovación na Análise Social (MIAS) da Universidade da Coruña, organizamos o vindeiro martes día 24 de novembro, duas actividades en relación co activismo memorialista de base e a investigación.

O primeiro acto será na Facultade de Socioloxía as 15:30 horas no Salón de Graos.

Posteriormente, ás 19:30 horas, organizamos un acto aberto á participación de toda a cidadanía no edificio da Normal (Paseo de Ronda 47).

Non podemos permanecer impasíveis ante o avanzo global do autoritarismo, dos discursos de odio e das novas direitas trumpistas que pretenden branquear o pasado, negar os crimes do franquismo e
desmantelar as políticas públicas de memoria. Frente a quem pretenden impór de novo o medo, o
esquecimento e o retroceso em direitos, a memória ergue-se como un dos principais diques de contención.


Na Arxentina o governo actual eliminou o Ministerio de las Mujeres, Género y Diversidad. Diferentes
informes e investigacións foron borrados ao desaparecer o próprio web do Ministerio e as redes sociais que aloxaban os arquivos. O movimento memorialista impulsou mobilizacións multitudinarias para rexeitar o negacionismo oficial e manter o consenso social contra a impunidade. Paralelamente
denunciaron ante a Comisión Interamericana de Derechos Humanos o baleiramento das políticas de
Memoria, Verdade e Xustiza, os discursos negacionistas do Estado e as restriccións ao acceso aos aquivos militares.


En Colombia, o novo governo iniciou unha forte reorientación ideolóxica através da censura e o borrado histórico, tratando de impór unha “historia oficial” limitada, invisibilizando tanto ás vítimas da violencia política como ás luitas das minorias e os procesos de paz. Organismos independentes, como o Centro Nacional de Memoria Histórica (CNMH) corren o risco de perder a sua autonomia frente ao poder executivo, que xa comezou o desmantelamento de instalacións e pezas memorialísticas da exposición permanente do Museo Nacional de Colombia.


Na Galiza continuamos nunha situación marcada pola inexistencia de políticas públicas por parte do
governo galego e as institucións autonómicas. O tecido asociativo e o conxunto da sociedade segue a
enfrentar-se a unha realidade dolorosa: a persistencia da impunidade. Milleiros de vítimas do Golpe de Estado e da ditadura continuan desaparecidas en fosas comuns ao longo de todo o país. As portas dos tribunais seguen fechadas para as vítimas do franquismo. Sen investigación xudicial efectiva non hai tutela xudicial, e sen ela vulnera-se o direito internacional que estabelece que os crimes de lesa
humanidade son imprescritíveis. Por outra parte, a Lei de Memoria Democrática continua lastrada pola lentitude do desenvolvimento do seu articulado. A simboloxia franquista permenece praticamente intacta en vilas e cidades, fruto da falta de execución efectiva, de coordenación administrativa ou dun reximen sancionador áxil. A isto hai que somar a cuestionábel tramitación administrativa de importantes lugares de memoria, como o Pazo de Meirás, de cuxo expediente foron excluidas as propostas das asociacións que durante décadas investigaron e luitaron pola recuperación xudicial e social do Pazo.

No contexto das próximas eleccións estatais, o bloque reaccionario das direitas, fortemente influído polo trumpismo, xa plantexa abertamente a derogación da Lei de Memoria Democrática que, apesar das suas eivas, supuxo un paso necesario no recoñecimento institucional desde a perspectiva dos direitos humanos.

Con esta xornada pretendemos fazer unha reflexión colectiva sobre os retos aos que se enfrenta o
memorialismo nos tempos actuais, asi como plantexar a necesidade de estabelecer alianzas que nos
permitan avanzar na investigación e tamén nas demandas de Verdade, Xustiza e Reparación.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *