
Mulleres libertarias na Galiza
O venres 23 de outubro ás 19.30 h a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda acolle a palestra Mulleres libertarias na Galiza, impartida polo historiador e bibliotecario Eliseo Fernández.
A presenza feminina no traballo asalariado galego e a súa pegada no movemento anarcosindicalista fican moitas veces á marxe dos relatos habituais sobre a loita obreira. Malia as trabas sociais da época, as traballadoras protagonizaron un camiño de autoorganización que callou en sociedades obreiras con maioría de mulleres e nunha firme visibilidade nas mobilizacións sindicais. Esta forza colectiva resultou especialmente determinante nunha cidade como A Coruña, vencellada a espazos fabrís como a fábrica de tabacos, as téxtiles ou a de mistos, así como a todo o sector do mar.
Eliseo Fernández (Ferrol, 1967) é licenciado en Documentación pola Universidade da Coruña, bibliotecario e investigador de referencia sobre a traxectoria do anarquismo e do sindicalismo no noso país. Entre as súas publicacións salientan títulos como José López Bouza: do anarquismo ao republicanismo (2002), Obreirismo ferrolán (2005), Psiquiatría, corrupción e loita de clases: a folga do manicomio de Conxo en 1933 (2019) ou a coordinación da obra colectiva A fuxida do Portiño (2009). Xunto con Dionísio Pereira asinou pezas fundamentais da nosa historiografía como O anarquismo na Galiza: apuntes para unha enciclopedia (2004), O movemento libertario en Galicia (1936-1976) (2006) e Nacionalismo e anarquismo na Galiza (2020). Foi tamén presidente do Ateneo Ferrolán entre 2014 e 2016.
Podes inscribirte na web da AC Alexandre Bóveda: https://acalexandreboveda.gal/event/mulleres-libertarias-na-galiza
