Actualidade

O dereito á memoria: unha defensa colectiva dos dereitos e a democracia

Diante da convocatoria electoral deste vindeiro domingo 29 de novembro, un número moi importante de entidades e asociacións memorialistas de todo o estado español, entre as que se atopa a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, asinamos e divulgamos o seguinte manifesto:


A memoria democrática non é unicamente unha ollada ao pasado. É unha ferramenta para comprender o presente, defender os dereitos conquistados e evitar que volvan perderse no futuro. Alí onde se nega a historia, debilítanse tamén as garantías que sosteñen unha sociedade libre, xusta e plural.


A ditadura franquista perseguiu e eliminou dereitos e liberdades mediante a represión, a censura, os cárceres, o exilio, a deportación e as desaparicións forzadas. Tamén impuxo un relato que ocultou os logros da II República e a traxectoria de quen loitaron pola democracia, a xustiza social e as liberdades. Recuperar esas historias, recoñecer as vítimas e garantir a verdade, a xustiza e a reparación segue a ser unha responsabilidade democrática.


Máis de cinco décadas despois do final da ditadura, persisten demandas de verdade e xustiza e continúan pendentes medidas fronte á impunidade. Ao mesmo tempo, medran discursos que banalizan ou xustifican o franquismo/fascismo e cuestionan dereitos que criamos consolidados. A memoria axúdanos a identificar estes retrocesos: lémbranos que os dereitos non están garantidos para sempre e que a súa defensa require compromiso e acción colectiva.


Hoxe, as elites e os seus herdeiros pretenden consolidar o “Modelo Español de Impunidade” e impoñer un relato de revisionismo negacionista. Esiximos cumprir os mandatos da ONU: inaplicación da Lei de Amnistía de 1977 para poder xulgar os crimes de lesa humanidade do franquismo e aprobar a lei de Bebés Roubados. É inaceptable igualar a memoria das vítimas coa dos seus verdugos.


Por iso, o dereito á memoria é resistencia e defensa dos dereitos conseguidos. Permítenos recoñecer como se construíron as liberdades, que ameazas afrontaron e que ocorre cando se normaliza o autoritarismo, a desigualdade e o odio. A memoria democrática forma parte da defensa actual da vivenda, da sanidade e a educación públicas, dunhas condicións de vida dignas, da igualdade, a xustiza social e das liberdades.


Esta tarefa non corresponde só ás asociacións memorialistas nin ás vítimas e ás súas familias. Interpela o conxunto da sociedade civil: entidades veciñais e culturais, sindicatos, organizacións feministas, antirracistas, colectivos xuvenís, movementos sociais, organizacións de dereitos humanos e cidadanía. Precisamos espazos de encontro, cooperación e aprendizaxe compartida que conecten a memoria cos problemas e as loitas do presente. O Encontro Estatal de Colectivos de Memoria Democrática e de Vítimas do Franquismo e a Transición quere contribuír a esa alianza ampla. Queremos compartir experiencias, fortalecer redes e situar a memoria democrática no centro dunha axenda común polos dereitos humanos, a xustiza e a democracia.

Por último, facemos un chamamento ás formacións políticas para que consideren o dereito á memoria como unha misión primordial, e pedimos á cidadanía que, nas urnas, non vote a quen cuestionan os dereitos conseguidos durante tantos anos de loita colectiva.

SEN MEMORIA NON HAI DEMOCRACIA
VERDADE, XUSTIZA E REPARACIÓN.

Encontro Estatal de Colectivos de Memoria Democrática y de Víctimas del Franquismo y la Transición

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *