
Os Franco seguen de titulares rexistrais do Pazo do Meirás
Case 4 meses despois da sentenza do Supremo, a finca do Pazo segue rexistrada a nome dos Franco, tal e como consta na nota simple emitida polo Rexistro da propiedade no día de hoxe.
Non consta que o Estado instase do Rexistro á cancelación dos asentos rexistrais.
A pasividade e inacción do Estado respecto da execución da sentenza súmase á relativa á activación de medidas para a apertura total do Pazo ás visitas e para a xestión conveniada de usos.
Conforme á nota simple informativa emitida polo Rexistro da Propiedade de Betanzos, deste mesma data de 06/07/2026, a finca rexistral do Pazo de Meirás segue a nome dos herdeiros de Franco.
Isto é, na finca rexistral seguen figurando como titulares os Franco en virtude da inscripción rexistral de 24/07/2019 (documento de 06/07/2018), sen que se teñan cancelado ditas titularidades, tal e como ordena a sentenza do Xulgado de 1ª instancia da Coruña de 02/09/2020, confirmada nesa cuestión tanto pola sentenza da Audiencia Provincial de 12/02/2021 e mais pola do Supremo de 11/03/2026.
No fallo de sentenza ordénase, expresamente, non so a titularidade-dominio do Estado e a nulidade dos títulos de propiedade dos Franco senon tamén “la cancelación de las inscripciones registrales contradictorias del dominio que se declara sobre las mencionadas fincas”.
Pero a realidade é que, case 4 meses despois da sentenza do Supremo, o Pazo de Meirás segue rexistrado a nome dos Franco.
Non lle consta a esta CRMH que o Estado teña instado do Rexistro da Propiedade a cancelación de ditos asentos (e acorrelativa inscripción a nome do Estado), para o cal sería suficiente coa aportación de certificación xudicial de firmeza da sentenza.
Tampouco consta a pendencia de recurso e incidente en relación coa dita sentenza do Supremo, firme a todos os efectos.
En consecuencia, e a criterio deste CRMH, non hai razóns impeditivas para que o Estado inste do Rexistro a cancelación da titularidade rexistral do Pazo de Meirás.
O Pazo de Meirás é a todos os efectos (agás os rexistrais) unha propiedade pública e non existe xustificación algunha para que o Estado o teña pechado e impida a visita pública a estancias interiores que eran visitabeis cando a familia Franco xestionaba a apertura do Pazo, obrigados polo establecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, que agora incumpre o Estado coa pasividade da Consellaría de Cultura.
A inacción e pasividade do Estado neste asunto súmase á falla de desenvolvemento e activación efectiva das comisións e órganos de participación previstos no Protocolo inter-administrativo de xuño de 2021, conxelado por decisión do Estado, a pesar das demandas do memorialismo galego e do propio Concello de Sada.

Bo día, vergonhento o do governo de Espanha, e o da Xuntinha xa nom ten nome a semellante trapalhada.
Nom son quen de facer fronte a uns herdeiros do maior asasino da historia de Espanha.
Quo Vadis democracia Hespanhistam!! 🌀✊🏾💪🏾