
Pazo de Meirás. E agora que?
Xa pasaron máis de tres meses desde que o Tribunal Supremo resolvese de xeito definitivo a respecto da titularidade do Pazo de Meirás. Unha sentenza histórica que desde a nosa asociación valoramos no seu dia como moi positiva, máis que tiña “unha cara B” que a sociedade galega debía coñecer para facermos unha reflexión como sociedade democrática.
Seguramente esta falta de interese en non abordar cuestións contradictorias cunha sociedade democrática normalizada, foi unha das razóns polas que as administracións públicas – nomeadamente a Administración Xeral do Estado – tivo un perfil extremadamente baixo á hora de explicar a sentenza do TS sobre Meirás. Actitude esta que contrasta sorprendentemente diante doutros momentos, nos que houbo moitas persoas e actores que pretenderon ser “pais” e “nais” do proceso de devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público. Só hai que consultar as hemerotecas tras o primeiro fallo en setembro do ano 2020.
Desa teidez de fai uns meses, onde se falaba incongruentemente de dar “batalla” a unha sentenza definitiva , e xa que logo sen posibilidade real de recurso ao dereito dos Franco a recibir unha indemnización polos gastos de mantemento e mellora do Pazo de Meirás como posuidores de boa fe, pasamos a un silenzo total e un aparente inacción da Administración sobre as decisións presentes e futuras que compre abordar en Meirás. Neste sentido, sorprende que a día de hoxe non se realizase valoración desta importante sentenza do TS sobre a devolución do Pazo de Meirás por parte da Secretaria de Estado de Memoria Democrática.
Máis esa aparencia de inacción non é real. Non confundamos a falta de transparencia, o traballo na sombra e a exclusión do memorialismo e das entidades sociais que durante anos traballaron na reivindicación da denuncia do espolio de Meirás e a reivindicación da súa devolución ao patrimonio público, cunha suposta paralise en toma de decisións sobre o futuro de Meirás. E decímolo, porque resulta evidente que nos últimos tempos van aparecendo novos relatos sobre o Pazo que teñen unha intencionalidade clara de ocultamento da memoria histórica en Meirás.
Un relato demasiado burdo. Pero van con el igualmente
Esa construcción dun novo relato en Meirás desde hai uns meses a esta parte, podemos velo en diferentes lugares. Afirmacións novidosas que aparecen de súpeto no relato histórico sobre o Pazo de Meirás, con aparencia sutil e sen dobre volta. Máis se reparamos nelo, vemos que teñen un interese político e académico determinado.
Porén, o máis sorprendente é que son afirmación facilmente desmontabeis, que mudan fondamente un relato memorialístico enraizado nos argumentos – estes si moi razoados e documentados – que explican a devolución do Pazo de Meirás. E manipúlano de xeito tosco, burdo. Demasiado burdo.
Estas afirmacións novidosas, que van construindo ese novo relato, aparecen incluso no Boletín Oficial do Estado como elementos xustificativos do relato de “resignificación” (palabra esta da que gosta a Secretaría de Estado de Memoria). Poñamos algún exemplo para velo máis claro:

O 2 de setembro de 2025 o BOE publicaba a incoación do procemento para declarar o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática. Na xustificación de “feitos relevantes” acontecidos en Meirás podemos atopar algunha afirmación cando menos moi curiosa. Nela, por exemplo, establecese un momento estelar para a defensa da devolución do Pazo de Meirás. Este non é outros que a presentación da demanda xudicial por parte do Estado que segundo o argumentario citado, provoca unha maior unidade de acción entre unha suposta unanimidade entre as institucións galegas e o movemento memorialista galego.
Calar ante esta falsedade implicaría por exemplo atribuirlle algunha participación ao movemento memorialista galego na confección do informe encargado en 2018 á “Comisión de Expertos” que nomeara a Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza e que o Estado aportou no anexo documental da demanda presentada en 2019 que recoñecía aos herdeiros do ditador Franco como “posuidores de boa fe” do Pazo de Meirás. Condición esta recoñecida polo Tribunal Supremo, precisamente aludindo á aportación do Estado dese informe, e que condicionará de xeito indecente a liquidación do estado posesorio.
Non houbo complicidades do Estado co movemento memorialista no proceso de devolución do Pazo de Meirás tras a presentación da demanda no ano 2019. Moito menos unanimidade. Lembremos que foi o movemento e compromiso memorialista quen aportou a mobilización, a investigación e a divulgación social do espolio. Incluso tivemos que mobilizarnos novamente no ano 2021, cando o Estado aceptaba con normalidade indemnizar aos Franco.

E tamén lembremos que foi o memorialismo quen denunciou e sigue a denunciar a actitude do Estado que a dia de hoxe incumpre a Lei de Patrimonio Cultural impedindo a visita pública ao interior das Torres e o resto de inmobeis que forman parte do conxunto do Pazo de Meirás.

Mais esta aseveración, tan falsa como facilmente desmontáble por quen queira contrastar datos, queda cativa ao respecto doutra afirmación publicada no BOE, na que dase un segundo dato sorprendente. Un antecedente novidoso, “colado” no medio do argumentario que non aporta máis xustificación ou contraste que unha simple afirmación, que ninguén fixera ate ese momento de maneira tan contundente. Esta non é outra que o cuestionamento da condición pacega da propiedade de Meirás, atribuíndose ao ditador Franco a definición deste ben que lle entrega en 1938 a Junta Pro Pazo, impoñendo él a condición de denominación do inmóbel como Pazo.

Temos que recoñecer que deunos traballo coñecer que podía existir tras unha afirmación tan burda que cuestiona mesmo a definición que se lle dou ate o día de hoxe ao mundo pacego galego. A existencia dun “pazo” en Galiza está vinculado á existencia dunha casa “solariega”, construida no entorno rural, destinada a ser residencia de familias nobres señoriais ou burguesas, donde había unha capela de uso privativo dos señores, e nos que existían actividades ligadas á explotación agropecuaria.
Todas estas condicións e outras que definen ao mundo pacego galego, se deron en Meiras claramente con anterioridade a 1938, e tamén é moi doado documentar e contrastar esta circunstancia. Entón, cal é a razón de que se lle atribua a Franco a decisión de denominar ao Pazo de Meirás como tal?
A resposta resulta tan burda como o é afirmación de semellante disparate, e non ten máis obxectivo que expulsar -claramente – á memoria histórica do Pazo de Meirás. Só temos que escoitar ou ler as reivindicacións dun importante sector do mundo académico defensor, mesmamente con sentido militante, dun Pazo de Meirás dedicado con exclusividade á figura de Emilia Pardo Bazán.
Foi Franco quen impuxo a denominación de “Pazo de Meirás”?
A resposta a esta pregunta resulta evidente e clara. O Pazo de Meirás que coñecemos hoxe e o resultado das transformacións e construccións que se van dando na propiedade, nomeadamente a respecto dos diferentes edificios e construccións que hoxe existen dentro dos seus muros ao longo de máis de seis séculos de historia. De xeito moi singular en dous momentos, ainda que non únicos, da súa historia. O primeiro, cando Emilia Pardo Bazán e a súa nai Amalia de la Rúa crean e converten na súa residencia de verán en 1907 as Torres. O segundo a transformación, incorporación de inmobeis e mudanzas que realizará Franco en Meirás entre 1938 e 1975.
Máis temos que entender que o Pazo de Meirás é o resultado dun conxunto de elementos, non só das Torres. E tamén do que aconteceu nesa finca ao longo da súa historia. E se analizamos precisamente esa historia, veremos que os elementos e actividade que definen a un pazo galego teñen maior presenza en Meiras precisamente, con anteriormente a 1938.
O Pazo de Meirás non son só as Torres, por moito que esta edificación se convertise a partir de 1907 no elemento máis singular do conxunto construido por deseño e decisión de Emilia Pardo Bazán que o converte no súa residencia particular. As Torres son a partir dese ano o espazo onde crea, reside xunto á sua familia, recibe as visitas, organiza comidas e festas e hospeda aos seus convidados. É o edificio principal que como en todos os Pazos galegos tiña unha unidade de xestión administrativa que levaban os caseiros, que no caso de Meirás era Francisco Roca Martínez, marido da cociñeira Pilar Chas.

Máis no recinto había outras edificacións que prestaban servizo ás actividades propias dun Pazo como era o de Meirás, nomeadamente ás actividades agropecuarías das que se lucraba convintemente a propiedade da quinta, neste caso de Meirás, Emilia Pardo Bazán. No Pazo, ademais das Torres existiron cinco edificacións en forma de pavillóns que foron despois transformados (nalgún caso eliminado) na etapa franquista. E concreto os seguintes con expresión aproximada das súas extensións:
- Dous, un a cada marxe do camiño de acceso (hoxe acceso de servizo). Un de 150 m2 e outro 458 m2
- Dous pequenos de 30 m2 e 36 m2
- Un de 150 m2
O arrendamento de terras era unha das actividades lucrativas do Pazo. De feito na escritura de venda que asina en 1938 a quen era nese momento propietaria Manuela Esteban Collantes, de venda do Pazo de Meirás para a súa entrega ao ditador Franco, incluía terras de labradío do Pazo. Por esta razón engadiuse na escritura o seguinte texto:
….Y se incluyen igualmente todos cuantos terrenos se hallen unidos al referido edificio y puedan formar con él una sola finca, aun cuando alguno o algunos de ellos estén arrendados; pero en este caso habrá de entenderse la Junta (Pro Pazo del Caudillo) con los colonos a los efectos de la dejación de tales terrenos.
Nin que dicer que eses colonos convertéronse en vítimas da operación, ao perder os dereitos sobre as terras. Máis esa é outra cuestión da que por certo, perdeuse toda perspectiva no relato académico e da que resulta imprescindíbel investigar, reivindicar recuperando a memoria necesaria das vítimas directas da represión franquista con motivo do espolio de Meirás.

No Pazo de Meirás había o que tamén existía no resto de Pazos de Galiza, cada cal coas suas singularidades e elementos diferenciais, pero cos elementos comúns aos diferentes Pazos galegos. Xa que logo non se pode afirmar que é Franco quen condiciona a denominación desta propiedade como Pazo coa intención dun suposto ennobrecemento persoal, cando este vínculo de señorío existiu con anterioridade a 1938.
As “autoridades” franquistas buscan un Pazo galego para entregarllo a Franco. E escollen o de Meirás por razóns de cercanía coa cidade da Coruña e doutras quintas que eran propiedade das elites do novo réxime. Máis nin eles nin Franco rebautizan a finca como Pazo, nin tampouco fan desaperecer o termo “Torres”, que continuará a ser o edificio principal do conxunto, a pesar das ampliacións, incorporación dun novo imbobél e transformacións que se farán no Pazo de Meirás. O nome da finca socializado con anterioridade a 1938 e que continuará como tal.
Porqué agora este novo relato dunha suposta imposición franquista do termo Pazo?
A cousa sería cómica se non fose porque un relato tan absurdo atenta contra as vítimas do franquismo. Durante máis de 43 anos de detentación dos herdeiros do ditador Franco (e por suposto durante os 37 de uso do Pazo de Meirás) xamais apareceu en escea semellante interpretación dos feitos. Máis iso é o que está agora en marcha. A construcción dun relato que sirva a un obxectivo concreto. A expulsión da memoria de Meirás e a creación dun espazo dedicado de maneira singular a Emilia Pardo Bazán. Espazo que nós non negamos, mais desde unha perspectiva histórica que explique o Pazo, sen esquecer a razón principal de pola que Meirás volta a ser definitivamente unha propiedade pública, e os abusos e vítimas delo que agochan as diferentes etapas de represión franquista.
Imaxinemos que esta burda interpretación dos feitos históricos fose verdade. Demos por feito durante un instante que Franco inventa en 1938 o termo Pazo para ennobrecerse, e polo tanto deturpa e destroza a memoria de Pardo Bazán que pasa a ser a maior vítima do propio Franco, cando a escritora fina en 1921, ou sexa, 15 anos antes do golpe de estado de 1936.
Esa capacidade inventiva levarianos inmediantamente a reivindicar que semellante sacrilexio precisase de “resignificación” democrática, porque o termo “Pazo” formaría parte xa dunha definición franquista.
Compre pois, nese imaxinario, substituir Pazo de Meirás por Torres de Meirás como elemento de culto ao inmoble que creara e convertiu na súa residencia Emilia Pardo Bazán. O resto de elementos e inmobles que forman parte do conxunto, e que en boa medida falan da verdadeira represión que aconteceu en Meirás, quedarían así ocultos ao servizo interesado dun relato concreto.
Sorprende tamén que quen pretenden agora de maneira novidosa converter a Emilia Pardo Bazán nesa especie de vítima franquista, calasen complicemente diante de décadas de detentación dos herdeiros do ditador. É tremendo ver como se molestan diante da presenza da memoria das verdadeiras vítimas do franquismo en Meirás, xusto cando o memorialismo galego celebra o éxito dunha loita da que estas persoas do mundo académico xamais participaron.
Si se quiere “desfranqueizar” la mansión de Meirás de Emilia Pardo Bazán hay que recuperar la propiedad y el nombre. Lo primero está resultando complicado, pero lo segundo es sencillo: se debe borrar la denominación de pazo, que es inventada y ajena a la voluntad de su propietaria, y llamarlo Las Torres. Ceferino de Blas . Xornalista asturiano finado en 2023, do que reproducimos un estracto representativo dun discurso repetido por boa parte do mundo académico a xeito de exemplo.
Reparemos noutra evidencia. A inmensa maioría dos Pazos galegos están en mans privadas. Sobre eles non existiu nin existe reivindicación social para a súa recuperación para o patrimonio público, como se deron de xeito único e singular en Meirás. Esta loita social e memorialista xamais contou coa máis mínima colaboración de quen agora pretenden parasitala e reescribila. E esa loita existiu porque había memoria da impunidade dun espolio no franquismo. Esa é a razón que está tras a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público. A que veñen a estas alturas, 50 anos despois da morte de Franco, case 40 anos máis de ditadura e tamén máis dun século da morte de Emilia Pardo Bazán, estas lerias?.
Non se trata dun simple e inocente debate terminolóxico o que nos pretenden trasladar. Porque nunca existiu conflicto a este respecto coa convivencia do termo Pazo de Meirás (de uso social normal e común antés e após de 1938) co termo Torres de Meirás. Como tampouco existiu conflicto, por exemplo, na definición do Pazo de Goiáns en Boiro, no que tamén existe unha torre. Salvando as diferencias co caso de Meirás, as referencias a esta propiedade como “Torre de Goiáns” tamén son comúns.
Os herdeiros de Pardo Bazán non foron vítimas do franquismo
En primeiro lugar compre entender que o que se discutiu no proceso de recuperación do Pazo de Meirás, comeza en 1938. Os actos e feitos que se analizan na setenza do Pazo de Meirás van de 1938 a 2019. Ou sexa, desde que a herdeira do Pazo de Meirás vende en 1938 (duas veces incluso a persoas diferente en escrituras que serán nulas a todos os efectos) ao momento que o Estado presenta a demanda reivindicatoria do Pazo. E venden 17 anos após da morte de Emilia Pardo Bazán.
Esto hai que deixalo meridianamente claro. O Pazo recuperase porque este foi un espolio do franquismo. Non por outra razón. As herdeiras que participan na transmisión (Manuela Esteban Collantes e Blanca Quiroga de Pardo Bazán, nora e filla de Emilia Pardo Bazán, respectivamente) son as únicas que venden en Meirás mediante unha compra venda normal. Esto é, unha venda totalmente voluntaria entre as partes, onde ambas acordan unhas condicións concretas e un prezo de transmisión. Exactamente 406.343,00 pesetas da época. Logo virán a toma de terras colindantes e os abusos e espolios, que irán engordando as propiedades de Franco en Meirás mediante diferentes formas de abusos e corrupción. Mais esa cifra corresponde ao prezo pactado libre e voluntariamente por algo máis de 6 hectarias de terreno, as Torres, as edificacións que quedaban do antigo Pazo, a antiga casa dos caseiros (despois derruida) o palomar (elemento moi común do mundo pacego galego), e os bens mobles do edifico (salvo tres tapices e os libros que forman a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, segundo consta na escritura de venta, “porque esta ofrezco darla gratuitamente para el Generalisimo“, segundo desexo de Manuela Esteban Collantes)
O resto das moitas persoas afectadas en Meirás pola trasmisión da propiedade ou perda de dereitos de explotación das terras do Pazo e colindantes anexadas na ampliación da extensión do Pazo de Meirás que se lle entrega a Franco, nin vendeu, nin cedeu dereitos de xeito voluntario. Foron privados forzadamente ou ben das propiedades no caso das persoas propietarias, ou dos dereitos das terras afectadas maiormente polo Decreto lei de 1926 sobre a redención e e fin dos foros que permitía a estes ter a posibilidade de converterse en propietarios absolutos das terras que eran a base do seu medio de vida.
É máis. María de las Nieves Quiroga y Pardo Bazán, non desparoveitou a súa participación na transmisión do Pazo de Meirás en 1938 para deixar por escrito a súa adhesión entusiasta á causa de Franco, e que reproducimos de seguido:
“Con la devoción que en estos momentos históricos, siente todo buen español por nuestro Caudillo, ofrezco renunciando a mi derecho, este pequeñísimo sacrificio, que me consuela en mis grandes penas, poder hacer. Al pensar en el glorioso enviado de Dios, que va a honrarle habitándola y en los grandes beneficios que, con ello redundarán en favor de mi amada y bellísima Marineda, me separo con mi emocionada gratitud, hacia la Junta de esa mansión, cuyo recuerdo tan fuertemente ligado va al de los días más felices de mi vida. Firmado. La Marquesa viuda del Teniente General Cavalcanti. Condesa de la Torre de Cela y de Pardo Bazán”.
Seis anos perdidos
En xuño de 2021 asinabase en Meirás un protocolo de coordinación entre administracións e promovido polo Estado para coordinar actuacións mentras non existise sentenza definitiva. Dita sinatura realizouse cun importante despliegue mediatico coa presenza de quen era daquela Vicepresidenta do Goberno Carmen Calvo e o Secretario de Estado de Memoria, Fernando Martínez.
Neste acto, lonxe de visualizarse a xa comentada e proclamada “unanimidade entre administracións e o movemento memorialista”, poido contrastarse o malestar de boa parte do asociacionismo, e a exclusión deste, da participación real nos procesos de normalización democrática do Pazo de Meirás. É máis, aquel día, persoas representativas do memorialismo galego, protestamos e denunciamos un acto propagandístico valeiro de contidos en defensa da memoria do espolio de Meirás .

O tempo deunos a razón. O protocolo de coordinación acordaba a creación dunha Comisión de Seguimento (formada polo Estado, a Xunta, a Deputación da Coruña e os concellos de Sada e A Coruña) e outra de asesoramento formada por persoas expertas en representación do Estado, da Xunta de Galiza, da Deputación da Coruña, dos Concellos de Sada e A Coruña, da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega.
Que o memorialismo non estivese representado formalmente nesas comisións é outra proba da exclusión do asociacionismo que xogamos un papel relevante da recuperación de Meirás. Máis desde aquel día de xuño de 2021, nunca se reunirón as comisións previstas no protocolo.
Seis anos hai xa daquelo e hoxe existe sentenza definitiva. O Pazo de Meirás é a todos os efectos unha propiedade pública e non existe xustificación algunha para que o Estado o teña pechado e impida a visita pública a estancias interiores que eran visitabeis cando a familia Franco xestionaba a apertura do Pazo, obrigados polo establecido na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza, que agora incumpre o Estado coa pasividade da Consellaría de Cultura.
A arbitrariedade é o criterio que se sigue en Meirás desde que o Estado asumiu a propiedade. As solicitudes de actividades en Meirás son denegadas de xeito sistemático si teñen vinculación coa Memoria histórica. As poucas actividades que se autorizan están vinculadas a Pardo Bazán, e de xeito moi limitado. As poucas visitas exteriores aos xardíns poden suspenderse por calquera senrazón, sen ter en conta que moita xente que reservou ven de fora, e ten programado o seu desprazamento. Mais eso si, o goberno do Estado fai uso propagandistico político do Pazo cando o considera.
E todos estes incumprimentos e arbitrariedades coa pasividade absoluta da administración autonómica, que non actúa a pesar de ter as competencias en patrimonio cultural que deberían garantir o acceso público ao Pazo con normalidade.
Para esto loitamos durante 20 anos? Para que o Estado incumpra o que non lles consentimos aos Franco? Para que lles paguen unha indemnización aos Franco por ser posuidores de boa fe durante 43 anos? Para que nos expulsen dunha propiedade porque os Franco continúan alí con “cita preferente”? Para que todo sexan trabas a celebrar actividades memorialistas ali? Para que campe a arbitrariedade?.
Desde a CRMH da Coruña solidarizámonos coa xente indignada con esta situación da que é responsábel a Administración do Estado como propietaria (definitiva xa desde o pasado marzo e a todos os efectos) e da Xunta pola súa total pasividade.

O que reclama a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña
A CRMH da Coruña ven de analizar con moita preocupación na última reunión da Xunta Directiva as cuestións aquí manifestadas. En Meirás queda moito traballo por facer que pode ser perfectamente reconducíbel se existe vontade política de facelo. Compre para elo deixar de proclamar unha suposta unidade de acción por unha das partes que na práctica é unha clamorosa exclusión do memorialismo que históricamente reivindicou Meirás. A unidade construese, non se proclama de parte.
Desde a nosa asociación teremos sempre total disposición a traballar pola memoria en Meirás, desde o respecto á memoria histórica baixo os principios da defensa da Verdade, a Xustiza e a Reparación. E desde esta perspectiva correspóndenos, unha vez máis, reivindicar.
É por elo, que a xeito de resumo relacionamos as cuestións que consideramos urxentes para a súa execución inmediata e outras reivindicacións que deberían realizarse no medio-curto prazo:
- Apertura inmediata para uso e disfrute público dos xardíns e zonas verdes do Pazo de Meirás. O acceso debe ser libre como o de calquer parque público.
- Acceso público ao interior dos inmobeis do Pazo de Meirás, dentro das posibilidades de accesibilidade e seguridade que ofrezan as diferentes estancias. As visitas a estos inmobeis serán previamente establecidas a través de visitas guiadas.
- Acceso público a todas as estancias do Pazo para investigador@s.
- O Estado debe proceder a instar do Rexistro da Propiedade á cancelación dos asentos rexistrais dos Franco e a correlativa nova titularidade do Estado.
- Máxima transparencia no proceso de liquidación do Estado posesorio, con participación activa que posibilite o menor impacto posíbel sobre as arcas públicas en beneficio dos Franco.
- Incorporación ao relato explicativo do Pazo de Meirás do inventario de bens espoliados polos herdeiros do ditador que foron liquidados por estes entre 1975 e 2019, e que non poden ser recuperados xa (fincas, tanto as que estaban a servizo do antigo Pazo antes da chegada de Franco en 1938 e as que se adquiriron con posteriooridade. Tamén do antigo acuartelamento de tropas.
- Convocatoria inmediata das Comisións previstas no Protocolo de Coordinación asinado en 2021, previa reformulación da composición da comisión técnica que incorpore ao asociacionismo memorialista. Debe proceder tamén previamente a actualizar os obxectivos e fins para o que foi asinado no protocolo no 2021.
- Garantir a participación da sociedade galega na definición, dos usos e na xestión deste lugar de memoria.
- O Estado realizará unha cesión modal do Pazo de Meirás a Galiza. Esta cesión debe garantir a titularidade e uso público, asociado á centralidade dos contidos relacionados coa memoria histórica e coa represión franquista e a complementariedade da vinculación coa vida e obra de Emilia Pardo Bazán.
- Os traballos sobre a resignificación, usos futuros do ben e a citada cesión modal deben comezar sen máis demora.
- Elaboración por parte do Concello de Sada do Plan Especial de Protección cos prazos e determinacións previstas no PXOM en vigor (ficha de área de planeamento remitido “APR-PEP Pazo de Meirás”), e de xeito nomeado aquel que establece os relacionados “coa recuperación da memoria histórica, así como os acordos e accións administrativas que procedan a tal fin“.
- Elaboración e presentación por parte da Avogacía do Estado da correspondente demanda civil reivindicatoria da finca que servía como punto de captar “as augas para o abastecemento do Pazo” que figura na escritura de compra formalizada pola “Junta Pro pazo del Caudillo” e as herdeiras da familia Pardo Bazán en agosto de 1938.
- Elaboración e presentación por parte da Avogacía do Estado, se fose o caso, da correspondente demanda civil reivindicatoria do inmóble coñecido como a Casa das Cunchas.
A Xunta Directiva da Comisión pola Recuperación da Memoría Histórica da Coruña, na lembraza e recoñecemento daquelas persoas que quedaron no camiño na loita e reivindicación do Pazo de Meirás, e que foron memoria viva da barbarie franquista.




















