Palestra sobre a sentenza de devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público
O acto terá lugar no salón de actos do Circo de Artesáns este vindeiro martes 28 de abril ás 20:00 horas.
O pasado mes de marzo o Tribunal Supremo daba a coñecer o fallo adoptado por unanimidade, que desestimaba todos os recursos interpostos contra a sentenza ditada pola Audiencia Provincial da Coruña en febreiro do ano 2021 a respecto do Pazo de Meirás.
Por medio desa resolución confirmábase así a propiedade pública do Pazo, que obriga aos herdeiros do ditador Franco a devolver o pleno dominio deste ben. Unha sentenza histórica, froito da reivindicación da Verdade, da Xustiza e a Reparación ao redor dun espolio do franquismo, que tivo como beneficiario ao propio ditador.
Mais esta demanda exemplar desde o punto de vista social, ten no seu proceso tamén “unha cara B”, xa que a confirmación en todos os seus extremos do resolto pola Audiencia Provincial da Coruña no ano 2021, ratifica aos herdeiros de Franco como propietarios do Pazo de Meirás entre os anos 1975 e 2019 coa condición de posuidores de “boa fe”.
Esta condición neste fallo xa firme do alto tribunal, non está ligada exclusivamente a feitos morais ou éticos incomprensíbeis, se atendemos ao que realmente aconteceu en Meirás nos diferentes procesos que se dan entre que Franco toma posesión do Pazo en 1938. Determina tamén ás condicións e o cálculo da liquidación do estado posesorio, que podería ser positiva para o Estado se a sentenza da Tribunal Supremo determinara a mala fe posesoria dos Franco.
Para falar deste proceso e as implicacións desta sentenza, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizan coa colaboración do Circo de Artesáns da Coruña, unha palestra impartida por Carlos Babío, un dos autores de Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, un que terá lugar o martes 28 de abril ás 20:00 horas no Salón de Actos do Circo de Artesáns.


