Iniciativas sociais e políticas sobre memoria

A CRMH da Coruña apoia a AC Memoria Histórica Democrática na protesta pola instalación dunha pista de skape ao lado do Memorial ás vítimas do franquismo

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña apoia á A.C. Memoria Histórica e Democrática de Ferrol e súmase á súa protesta ante o intento por parte do Goberno Municipal de Ferrol de poñer una pista de skate ao lado  do Memorial onde se honra a máis de 900 vítimas mortais da ditadura.

A CRMH da Coruña súmase á denuncia da A.C. Memoria Histórica e Democrática de Ferrol, así como a de outras asociacións, grupos municipais da corporación de Ferrol,  historiadores, investigadores, familiares das vítimas da ditadura e gran número de cidadáns e cidadás, ante  a aprobación da licitación da construción duna pista de skate por parte do Goberno Municipal de Ferrol no Parque de Antón Varela de Canido. Preténdese facer esta pista a escasos metros do Memorial “Pétalos do Pasado”, de Manuel Patiño, onde se honra a máis de 900 vítimas mortais da ditadura das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, e que vai formar parte da declaración de Ferrol Cidade da Memoria. Isto supón unha falta de sensibilidade e de respecto para as vítimas, as súas familias, e a cidadanía en xeral que desexa lembrar dignamente a súa memoria. Entendemos que este non é o sitio para facer unha construción deste tipo, tendo en conta ademais, que supón a cementación de case 500m2 nunha  das poucas zonas verdes do barrio de Canido e que existe, non lonxe deste lugar, unha instalación similar.

Neste sentido, a CRMH da Coruña apoia as accións que a A.C. Memoria Histórica e Democrática está tomando para impedir este despropósito, entre outras, a petición de convocatoria extraordinaria e  urxente do Consello Municipal Sectorial da Memoria Democrática, que se reunirá este mércores dia 15.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *