Actualidade

A CRMH da Coruña esixelle á Xunta de Galiza que resolva sen dilación a apertura da Casa Cornide e continue co procedemento sancionador á familia Franco

Diante das declaracións realizadas publicamente polo Presidente da Xunta de Galiza, o Sr. Rueda, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña que manifestar o seguinte.

1º. O proceso de apertura do Pazo de Meirás, ao igual que está a acontecer coa apertura da Casa Cornide, estivo inzado de incumprimentos da legalidade por parte da familia Franco, que demorou (como no caso de Cornide tamén) o acceso á visita da cidadanía, dereito este recollido na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza. Na negociación que no seu día estableceu a Xunta de Galiza presidida polo Sr. Núñez Feijoo, decidiuse asumir con fondos públicos, gastos en materia de seguridade durante os anos 2011 e 2012 por valor de 39.200,00 euros. Polo tanto, si existen precedentes acreditados do trato de favor por parte da Xunta de Galiza á familia Franco.

2º. Lembrámoslle ao Sr. Rueda, que o expediente de incoación do procedemento para a declaración BIC de maio de 2021, momento que a Lei prevé para apertura das visitas públicas. Parece unha tomadura de pelo que tras máis de 3 anos de incumprimentos por parte da familia Franco das súas obrigas en materia de patrimonio cultural, e de pasividade e complicidades da Xunta de Galiza coa familia Franco, se anuncie novamente (non é a primeira vez que se fai), que a Xunta “será moi extricta na esixencia do cumprimento da Lei á familia Franco…”.  A Xunta actúa tarde, mal e a rastro tras denuncias da cidadanía e da propia Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña diante da Valedora do Pobo.

3º. Desde a CRMH da Coruña reiteramos a esixencia do cumprimento da legalidade e se proceda á apertura da visita pública á Casa Cornide, e que con independencia da procedencia de sancións administrativas e no suposto de que a familia Franco continúe co incumprimento das súas obrigas legais, a CRMH lembra que tamén poidera ser constitutivo de infracción penal (art. 289 Código Penal), razón pola cal a Xunta debería proceder á imposición das medidas coercitivas agravadas (e mesmo penais) que procedan en defensa da legalidade e do interese público.

4º. Tamén, unha vez máis, reiteramos a reclamación da devolución para o patrimonio público deste ben espoliado polo franquismo para o seu enriquecemento, feito este documentado sobradamente. Unha anomalía democrática que nos apela como sociedade e precisa o compromiso das institucións e dos poderes públicos de maneira urxente. Esiximos tamén a interposición das accións xudiciais civiles oportunas para anular o título de propiedade dos Franco

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *