As fosas de Aranga
Para difundir a problemática das fosas de Aranga, celebramos unha charla–coloquio en Betanzos o 4 de xuño de 2010, coa presentación do informe sobre a fosa de Vilarraso. E outra ao día seguinte en Guitiriz, en colaboración coa asociación Xermolos.
Aos pobos só os derrota a desmemoria (Salvador García Bodaño, no seu poema “Aos mártires”)
En colaboración coa A.C. Eira Vella de Betanzos e A.C. Libre Roxín Roxal de Paderne, realizamos o 12 de xuño de 2010 un roteiro polas fosas de Aranga. Saída dun autobús desde A Coruña, con paradas nas fosas de Santa Mariña (Guitiriz), Ponte da Castellana, Vilarraso e cemiterio de Aranga. O roteiro rematou cunha cea de confraternidade coa actuación de Mini e Mero.
A iniciativa da CRMH, o Pleno municipal de Aranga de 25 de abril de 2011 aprobaba por unanimidade dos tres grupos municipais (PP, PSOE e BNG) esta moción:
Segundo diversas investigacións, no concello de Aranga están en distintas fosas os restos de máis de oitenta persoas, que foron asasinadas despois do golpe de Estado de 1936, que trouxo corenta anos de ditadura.
O concello de Aranga, a petición da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, quere colaborar na homenaxe a estas persoas, xermolos de paz e liberdade, co seguinte
ACORDO
- O Concello Pleno de Aranga acorda, por unanimidade, facilitar á CRMH a realización dun monumento en lembranza das persoas que están nas fosas de Aranga, que será instalado no Campo da Festa de Aranga, así como a colocación dunhas placas nos cemiterios e lugares onde hai constancia de persoas represaliadas polo franquismo.
- O concello de Aranga non terá que facer ningunha aportación económica para o monumento e as placas.
O nome do concello de Aranga figurará no monumento e as placas, así como no material informativo das convocatorias dos actos e publicacións que se realicen.
O monumento, de cinco toneladas de peso e forma de prisma triangular, é obra do escultor Xosé Val Díaz “Valdi” e leva o poema “Aos Mártires” de Salvador García-Bodaño. Foi inaugurado o 18 de xuño de 2011, en presenza de máis de 300 persoas e dunha representación dos tres grupos municipais de Aranga. Rubén Afonso Lobato deu a benvida en nome da CRMH. Houbo intervencións de Manuel Monge, como presidente da CRMH, de Alberto Platas, alcalde de Aranga, o historiador Emilio Grandío, que publicou con Eliseo Fernández o libro A fosa de cemiterio de Vilarraso (Aranga). Claudio Rodríguez Fer leu o seu poema A derradeira lección da mestra, dedicado á mestra de Monelos Mercedes Romero Abella. Manuel Rivas deixounos o poema inédito A boca da terra, que recitou Pilar Vázquez. Para finalizar, houbo un festival coas actuacións musicais de A Quenlla, Os tres Trebóns e Zënzar.
Previamente, inauguramos tamén un monumento, obra de “Valdi”, na fosa do cemiterio de Santa Mariña, con intervencións do párroco Alfonso Blanco e da escritora Carmen Blanco.
Acabou a celebración cunha festa que contou coa a participación de A Quenlla, Os tres Trebóns e Zënzar no Campo da Festa de Aranga.