20 aniversario da CRMH da Coruña

Centenario do nacemento de “Foucellas”

Benigno Andrade García naceu o 22 de outubro de 1908 na aldea de As Foucellas (Cabrui-Mesía). Traballou no campo, nunha leitaría, nas minas de carbón de Babero en un serradoiro de Curtis. Guerrilleiro mítico da liberdade, foi executado a garrote vil o 7 de agosto de 1952 no cárcere da Coruña.

Para celebrar o centenario do seu nacemento, a CRMH en colaboración coa Asociación Cultural Obradoiro da Historia de Ordes e a Agrupación Cultural Eira Vella de Betanzos realizamos numerosos actos, recollidos nun cartel de Xosé Tomás e nun folleto con texto de Manuel Miragaia sobre a vida de “Foucellas”. Contamos tamén coa colaboración do ministerio da Presidencia, concellaría de Cultura do concello da Coruña, Deputación da Coruña, Asociación Cultural Bieito Fandiño de Mesía, e os concellos de Ordes, Oroso, Vilasantar, Mesía, Melide e Arzúa.

“Pepiña e Sergio”, fillos de Foucellas, no monumento do Campo da Rata.

Comezaron os actos no auditorio da Casa da Xuventude de Curtis o 23 de outubro de 2008 cunha charla sobre a guerrilla e a represión nesa zona, que foi presentada por Baldomero Iglesias, “Mero”, e na que participaron Josefa Andrade Pérez, “Pepiña”, filla de Foucellas, Francisco Martínez López “Quico” –guerrilleiro antifranquista en León desde 1947 até 1951, condenado a morte, exiliado durante 27 anos en Francia– e Emilio Grandío, profesor de Historia da USC. Ao día seguinte, tamén coa participación de Pepiña e Quico, celebramos outro acto na Casa da Cultura de Ordes no que se lembrou a guerrilla e a represión na zona de Ordes. Presentou a charla Manuel Pazos, da Asociación Cultural Obradoiro da Historia de Ordes, e contamos coa presenza de Maruchi Ponte Rivas, filla de Manuel Ponte Pedreira, e de Bernardo Máiz, historiador. Duascentas persoas en Curtis e trescentas en Ordes encheron os locais.

O 25 de outubro realizamos un roteiro que iniciamos no cárcere da Coruña. Chegamos a Curtis e  os veciños non lembraban tanta xente –sobre 300 persoas, pola rúa do Generalísimo, con bandeiras republicanas e de Galiza– desde as manifestacións do 1º de maio en tempos da República. O alcalde de Curtis, do PP, non participou en ningún acto, a pesar de ser expresamente invitado. Poucos días despois, o Pleno do concello de Curtis aprobaba a eliminación das rúas franquistas do Generalísimo, xeneral Mola, José Antonio e  Calvo Sotelo.

Visitamos a casa natal de Foucellas, a casa de Isabel Ríos, a casa de María Pérez Mellad, a cova-refuxio da Costa (A Regueira-Oza dos Ríos) e o cuartel da Guarda Civil de Betanzos (hoxe Museo das Mariñas). No Liceo de Betanzos houbo un recital poético, intervencións de Xesús Torres e Manuel Miragaia e a actuación da Quenlla. Acabou a xornada cunha cea de confraternidade.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *