20 aniversario da CRMH da Coruña

Juan Canalejo non era cardiólogo

Foi unha dura batalla e non foi fácil conseguir o cambio de nome do hospital. Había un descoñecemento da figura do fundador da falanxe coruñesa, que daba nome ao hospital da cidade e a unha rúa. O primeiro que fixemos foi unha campaña informativa cun folleto titulado: “Quen era Juan Canalejo?”, acompañado dun adhesivo co texto “Juan Canalejo non era cardiólogo”.

A nivel municipal este tema foi tratado e votado en varias ocasións. No Pleno de 7 de novembro de 2005, sendo alcalde Francisco Vázquez, o BNG presentaba unha moción para cambiar o nome do Hospital Juan Canalejo, que foi rexeitada polo PSOE e PP. Tamén foi rexeitada por estes dous partidos outra moción no mesmo sentido, presentada polo BNG no Pleno de 2 de abril de 2007, a iniciativa da CRMH, sendo alcalde Javier Losada.

O 2 de abril de 2008 a CRMH enviaba un escrito á conselleira de Sanidade da Xunta de Galicia, María Xosé Rubio Vidal, solicitando o cambio de nome do hospital: “Esta petición ten un amplo apoio social. Antes das últimas eleccións municipais numerosos colectivos da Coruña –entre eles os sindicatos CCOO, CIG, CNT e CGT– subscribirmos o documento “Pola dignidade e a xustiza” que entregamos ao alcalde Javier Losada e a todos os grupos municipais. Solicitabamos, daquela, o cambio de nome do Hospital Juan Canalejo, que foi fundador da Falanxe da Coruña, organización fascista que estivo ao fronte de numerosos crimes contra os demócratas e republicanos. É incomprensible e unha auténtica vergoña para A Coruña manter o nome de Juan Canalejo, cando xa desapareceron noutros hospitais, de Galicia e de España, os nomes de persoas relacionadas coa Ditadura. O “Almirante Vierna” chámase hoxe Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; O “Hermanos Pedrosa Latas” (dous coñecidos fascistas) chámase hoxe Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo; a cidade sanitaria Francisco Franco de Madrid e a cidade sanitaria Francisco Franco de Barcelona, chámanse hoxe, respectivamente, Hospital Xeral Universitario Gregorio Marañón e Hospital Universitario Vall D´hebrón. Deixaron de ser unha referencia, perderon estes hospitais o seu prestixio ou deixaron de ter un recoñecemento da comunidade científico-médica cando cambiaron o nome?”. Dentro desta campaña de recollida de apoios tivemos unha entrevista co Comité de Empresa do hospital

O 17 de xullo dese ano o Consello da Xunta aprobaba o novo nome: Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); cinco días despois o nome de Juan Canalejo era retirado da fachada principal do hospital.

A “batalla” continuou a nivel xurídico porque cando o concello acorda retirar o nome de Juan Canalejo a unha rúa e eliminar outras distincións honoríficas, a familia presentaba un recurso nos xulgados contra o acordo plenario, que foi rexeitado. Unha sentenza do TSXG de 15 de novembro de 2012 retiraba os honores e distincións a Juan Canalejo, confirmando a legalidade da decisión tomada polo goberno PSOE-BNG, en aplicación da Lei de Memoria Histórica.

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *