Entidades sociais galegas reclaman unha sentenza na que, mantendo a propiedade pública, os Franco sexan condenados a indemnizar ao patrimonio público por posesión de mala fe e ilegal do Pazo de Meirás
Diante do sinalamento polo Tribunal Supremo para votación e fallo da sentenza definitiva para o vindeiro día 19 de febreiro ás 10:00 horas sobre a propiedade do Pazo de Meirás, as entidades e colectivos sociais, culturais e memorialistas asinantes, queremos lembrar e manifestar o seguinte:
1.- Un proceso que non sería posíbel sen a reivindicación. A mobilización e a divulgación social dun espolio por parte da sociedade galega por máis de 40 anos.
Por máis de 40 anos a sociedade galega recolleu a memoria transmitida dun espolio e a transformou en reivindicación social. Tamén na recuperación da Verdade e da documentación deste espolio que permitise rachar coa propaganda franquista encargada de construir un relato sobre un falso agasallo que agochaba impunidade e moita dor sobre os abusos cometidos polo franquismo.
Esa mobilización social e a loita pola verdade, levou mesmo a que persoas pertencentes a colectivos e entidades sociais e memorialistas, tivesen que pasar polos xulgados diante das demandas presentadas pola familia Franco e no que se solicitaban indemnizacións e penas de cadea.

Unha loita constante e permanente na mobilización, na divulgación e documentación do espolio, e accións concretas diante das administracións públicas que foron chave na decisión do Estado, como a administración lexitimada para facelo, de presentar en 2019 a demanda reivindicatoria do Pazo de Meirás que permitiu obter a primeira das sentenzas en setembro de 2020 que determinaba a propiedade pública do Pazo de Meirás.
2.- O papel da sociedade galega diante do fallo da Audiencia Provincial da Coruña en febreiro de 2021, diante do recurso dos Franco.
Tras esa primeira sentenza chegaría o recurso dos Franco ante a Audiencia Provincial da Coruña. Aínda que o fallo desa Audiencia en febreiro de 2021 ratificaba a propiedade pública do Pazo de Meirás, establecía aos herdeiros do ditador como posuidores ate ese momento de “boa fe” do Pazo de Meirás, o que obrigaría ao Estado a pagar os gastos necesarios (os de mantemento) e os útiles (os de mellora). Os Franco poderían así quedarse cos ingresos obtidos desde 1975 (ese é o ano que establece a Audiencia Provincial para a realización dos cálculos para a liquidación da propiedade), mentras que o Estado tería que abonar aos Franco os gastos desde ese ano de 1975, sen que a administración pública poidese reclamar así na liquidación da posesión, polo grave deterioro do Pazo de Meirás e polos ingresos obtidos por un período do que os Franco foron protagonistas e responsabeis desde 1975 ate a toma de posesión provisoria da propiedade do Estado en 2020.
Tras coñecerse este fallo, o Estado anunciou publicamente a través de quen era nese momento Vicepresidenta do Goberno Carmen Calvo, a satisfacción con el (e polo tanto que o Estado non presentaría recurso), mentres que unicamente o Concello de Sada anunciaba a presentación de recurso.
A posición inicial do Estado provocou unha profunda indignación entre o memorialismo e o conxunto da sociedade galega que comezou nese momento, unha campaña reivindicativa a que o Estado (e as restantes administracións personadas) recurrisen.
Unha campaña que só nuns días acadou mais de 3000 sinaturas (e de máis de 100 entidades galegas) de apoio ao Manifesto que levaba por título “Volver a pagar polo roubado: unha sentenza inasumíbel para un Estado democrático”
Dita campaña contribuíu claramente a mudar (unha vez máis) a posición inicial do Estado. Tras a presentación das sinaturas de apoio ao Manifesto, o Estado anunciaba a presentación de recurso. Tamén o fixeron con posterioridade a Xunta de Galiza, a Deputación da Coruña e o Concello da Coruña

3.- Que agardamos do fallo do Tribunal Supremo?
Son claros e manifestos os argumentos memorialísticos, documentais e xurídicos dos abusos e tropelías dun réxime ditatorial que tivo en Meirás como beneficiario a un ditador e a súa familia. E máis, os propios fallos xudiciais que coñecemos ate o día de hoxe, recoñecen a actuación de mala fe en todos estes procesos que teñen que ser extensíbeis ás diferentes transmisións que por herdanza aconteceron en Meirás desde 1975.
O pazo é do pobo e a liquidación da propiedade por obstentación ilegal e fraudulenta dos Franco como pusuidores ten que ter a consideranción de “mala fe” polo que só habería que liquidar os gastos necesarios (mantemento) descontando no cálculo os ingresos obtidos polos Franco en todo este proceso e o deterioro do inmoble que claramente obrigaría á familia Franco a indemnizar ao Estado,
4.- Unha sentenza exemplar que marque o camiño á ruptura coa impunidade ao respecto doutros espolios protagonizados polo ditador Franco e o seu réxime.
Chegados a este punto, o feito de que o Tribunal Supremo se pronuncie sobre o Pazo de Meirás, tras anos de loita da sociedade galega, representa xa un fito histórico. É a primeira vez que o Supremo se vai a pronunciar sobre o espolio de bens inmobles polo propio ditador Franco, a súa familia, o seu réxime e sobre o propio proceso de obtención e detentación posesoria deses bens.
Este feito innegábel foi protagonizado desde Galiza pola sociedade galega, e pode abrir sen dúbida, a posibilidade da revindicación doutros bens espoliados por Franco e o seu réxime, transmitidos impunemente a súa familia en Galiza e no conxunto do estado español. Non esquezamos que a día de hoxe, os descendentes da familia Franco continúan a detentar propìedades como a Casa das Cunchas xunto ao Pazo de Meirás ou a Casa Cornide na Coruña, entre outras.
APOIAN ESTE COMUNICADO:
- Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH)
- Colectivo “19 de Meirás”
- Agrupación Cultural Alexandre Bóveda
- Agrupación Cultural O Facho
- Comisión en Defensa do Común
- Asociación Veciñal da Agra do Orzán
- Asociación Veciñal Oza, Gaiteira, Os Castros
- AVV Atochas, Monte Alto, A Torre
- Asociación Veciñal do Castrillón
- Agrupación Cultural O Galo
- Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo
- Amigos dos Museos de Galicia
- Lugo Patrimonio
- Asemblea Republicana de Vigo
- Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova
- Comité pola Memoria Histórica do Val do Limia
- Amigos da República
- Asociación Cultural Cultura Aberta de Carral
- Asociación Cultural e Teatral Abril de Lume e Ferro
- Fundación Moncho Reboiras
- Asociación Cultural Eira Vella de Betanzos
- Fundación Galiza Sempre
- Confederación Intersindical Galega (CIG)
Público: Memorialistas esperan que el Supremo inicie con Meirás el fin del expolio de los Franco
La Voz de Galicia: Entidades esperan que el Supremo garantice la propiedad pública de Meirás y condene a los Franco a pagar indemnización
Galicia Confidencial: Entidades da memoria piden que a familia Franco pague indemnizacións por ter ilegalmente o Pazo de Meirás
Cadena SER: El Supremo acogerá la votación y fallo sobre la propiedad del Pazo de Meirás
Diario de Santiago: El Supremo decide sobre Meirás: memorialistas esperan el fin del expolio franquista
El Ideal Gallego: Los memorialistas, ante la sentencia del Tribunal Supremo sobre Meirás: “Esperamos que sexa exemplar”
La Opinión A Coruña: Cuenta atrás para la sentencia definitiva de Meirás: los memorialistas esperan que el Supremo inicie “el fin del expolio” de los Franco
Xornal da Coruña: Asociacións confían en que a familia Franco pague pola expropiación do Pazo de Meirás


