Actualidade

O Concello da Coruña volve a manifestar a súa resistencia en cumprir a Lei de Memoria Democrática en materia de simboloxía franquista

O día 23 de febreiro reuniuse o Consello de Memoria Democrática (CMD) do Concello da Coruña, despois da nosa insistencia denunciando publicamente o incumprimento do concello na súa convocatoria, xa que se suspenderon dous convocatorias anteriores.

Con respecto ao tema da situación da simboloxía franquista na cidade, anunciamos na reunión que a CRMH non participaría en ningún acordo que non garantise con prazos concretos e compromisos a aplicación da lei. Neste sentido, acordamos por unanimidade no  CMD trasladar á corporación municipal a conclusión da retirada da simboloxía franquista e elementos contrarios á Memoria Democrática antes do 30 de xuño deste ano, tomando como base o informe histórico presentado polo Instituto José Cornide de estudios coruñeses, no relativo á denominación de rúas, avenidas e prazas da cidade.

Imaxe da última reunión celebrada o pasado mese de febreiro do Consello da Memoria do Concello da Coruña

Unha vez rematado este prazo comprobamos desgraciadamente que non soamente non se cumpriu este acordo, senón que non se deu ningún paso ao respecto. Estamos esixindo o cumprimento da lei, e o que observamos non é xa unha actitude de desidia por parte do concello senón, unha vez máis, de resistencia a cumprir unha obriga democrática.

Por esta razón A CRMH da Coruña tomou decisións como a de acudir á Fiscalía de Memoria Democrática e DDHH que acordou incoar dilixencias preprocesais para acreditar e valorar xuridicamente o cumprimento da lei 20/2022 polo concello da Coruña e requirindo a este concello para que emita un informe ao respecto.

Tamén con data do 21 de xaneiro deste ano solicitamos á Dirección Xeral de Promoción da Memoria Democrática, dependente do Ministerio de Política territorial e Memoria Democrática, a inclusión no Catálogo de símbolos e elementos contrarios á memoria democrática os elementos nomeados no citado informe do Instituto José Cornide co fin da súa retirada ou substitución. Este mes cúmprese o prazo de 6 meses no que a administración debe notificarnos a resolución do procedemento e dar traslado da mesma ao concello aos efectos previstos no artigo 35.3 da lei 20/2022: Las administraciones públicas, en el ejercicio de sus competencias y territorio, adoptarán las medidas oportunas para la retirada de dichos elementos

Temos que resaltar tamén que o informe do Instituto José Cornide (dependente do Concello da Coruña) é anterior a actual lei de memoria e debe ser por tanto actualizado. Ao respecto tomouse a decisión no último CMD, tamén por unanimidade, de crear un grupo de traballo para a súa actualización coa finalidade de presentar as súas conclusións no pleno do Consello da Memoria antes do 30 de setembro de 2026.

Pero, como manifestábamos no noso último acto reivindicando esixindo a retirada dos 18 retratos de golpistas e franquistas do Palacio Municipal de María Pita, a retirada da simboloxía franquista non é unha cuestión exclusivamente relacionada co cumprimento da legalidade, que tamén, é por riba de todo unha cuestión de defensa dos dereitos humanos e de compromiso cos valores dunha sociedade democrática.

Pola defensa dos dereitos humanos e dos valores democráticos,

Fora a simboloxía franquista da cidade da Coruña

COMISIÓN POLA RECUPERACIÓN DA MEMORIA HISTÓRICA DA CORUÑA

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *