Actualidade

Investigadoras e investigadores apoian o recurso da CRMH da Coruña a unha declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria que non cumpre co establecido na Lei

Tal e como anunciamos na mañá de onte, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH da Coruña) presentou Recurso Administrativo Potestativo de Reposición a algunhas das determinacións recollidas na Resolución pola que se declara Lugar de Memoria “Meirás” (BOE» núm. 199, de 14 de agosto de 2026).

O recurso está estruturado nos seguintes cinco apartados principais:

  • A eliminación do asociacionismo memorialista no expediente, como promotores da solicitude

Neste sentido, denunciamos o incumprimento do procedemento administrativo e os dereitos de nosa entidade como propoñentes da incoación do expediente. Tampouco figura no expediente ningunha dilixencia ou actuación administrativa derivada da presentación da citada petición. Unha flagrante irregularidade tendo en conta que tampouco figura neste expediente ningunha resolución de caducidade do procedemento asociado á devandita solicitude,

  • Esquecemento e impunidade coas vítimas do franquismo

Da análise do contido do expediente, atopámonos con feitos históricos sen vinculación coa memoria histórica. Un “Lugar de Memoria” debe de estar vinculado obrigatoriamente á represión e á violencia sobre a poboación como consecuencia do golpe de estado de xullo de 1936, a guerra, a ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e afondamento dos valores democráticos. Non existe vinculación con estes feitos coa figura de Franco. Moito menos coa de Emilia Pardo Bazán, que non foi vítima do franquismo. Non falamos pois dun plan de usos ou un deseño cultural do Pazo de Meirás. Falamos de xustificar un Lugar de Memoria de acordo ao que indica a Lei de Memoria.

Tamén atopamos esquecemento e banalización das vítimas do espolio, que deberían ser as verdadeiras protagonistas da declaración. Tamén un esquecemento sobre os espolios e a impunidade aínda presente no Pazo de Meirás.

  • Eliminación da palabra “Pazo” da denominación do Lugar de Memoria

A declaración recolle como nome “Meirás” para a identificación do Lugar de Memoría, na vez de Pazo de Meirás que corresponde coa denominación de uso histórico e social. E tamén pola súa vinculación co mundo pacego galego e cos feitos vinculados coa memoria histórica.

Un cambio terminolóxico que en ningún caso responde a unha necesidade de resignificación para desligarlo da figura de Franco, senón máis ben cunha clara asociación dese espazo coa figura de Emilia Pardo Bazán, que tamén incumpre a denominación do catálogo de Patrimonio do PXOM de Sada que ten carácter normativo

  • Solicitude de corrección de erros materiais

Fora destas cuestións relevantes tamén indicamos a existencia de erros materiais no expediente, como son o erro na data de adquisición do Pazo de Meirás por parte do Junta Pro Pazo en 1938, a falta de respecto absoluto sobre o uso da toponimia oficial da cidade e provincia da Coruña ou a cita a unha suposta unanimidade nas institucións galegas co mundo memorialista, que lonxe de existir, provocou unha división palpábel. Unha división sobre a que temos hoxe consecuencias ao respecto da liquidación da indemnización aos Franco que está pendente.

  • As Propostas da CRMH no recurso presentado

Por último, a CRMH da Coruña presenta unha serie de consideracións para a modificación da resolución

AMPLO APOIO AO RECURSO E AS PROPOSTAS DA CRMH DA CORUÑA DO ASOCIACIONISMO MEMORIALISTA E DO MUNDO DA INVESTIGACIÓN EN GALIZA SOBRE A REPRESIÓN FRANQUISTA.

Como xa dimos a coñecer na mañá de hoxe, foron moitas as entidades que se sumaron ao apoio das cuestións que denunciamos no recurso de reposición. Durante o día de hoxe, sumáronse moitas máis como as compañeiras e compañeiros da asociación coruñesa “Refuxios da Memoria”, a “Fundación Terra e Tempo“, “Cultura Aberta” de Carral, “Instituto Galego de Historia“, “Murguía, Revista Galega de Historia“, Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo) ou a estradense “AC Vagalumes”, entre outras moitas.

Máis tamén persoas moi significadas na investigación e a divulgación da represión franquista en Galiza. Podes consultar a lista actualizada na seguinte ligazón: https://memoriadacoruna.gal/recurso-pazodemeiras/


DE SEGUIDO, REPRODUCIMOS O TEXTO DO RECURSO ADMINISTRATIVO DE REPOSICIÓN PRESENTADO:

A asociación Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, con NIF G70026687, inscrita na Sección 1º, Número 16 do Rexistro Estatal de Entidades de Memoria Democrática, con dirección electrónica a efectos de notificación en: info@memoriadacoruna.gal , ante a Secretaría de Estado de Memoria Democrática

LEXITIMACIÓN:

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña ostenta lexitimación activa para a interposición do presente recurso de reposición ao amparo do artigo 4.1.c) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Devandito precepto recoñece a condición de interesados ás asociacións representativas de intereses sociais afectados. No presente caso, existe un vínculo directo e acreditado entre os fins estatutarios da nosa entidade, en particular, os seguintes:

•             Recuperar a memoria histórica de Galiza, porque non pode entenderse o presente e construír o futuro se ignoramos o noso pasado.

•             Recuperar e divulgar a memoria histórica de todos aqueles cidadáns galegos, homes e mulleres de moi diversas ideoloxías (en todo caso leais ao réxime constitucional da II República, ás liberdades democráticas vixentes naquel momento e ao Estatuto de Autonomía de Galiza) que, tras o levantamento militar antidemocrático e inconstitucional de 1936, foron asasinados, pasaron á resistencia armada na guerrilla antifranquista, foron perseguidos e encarcerados ata o exterminio ou tiveron que padecer a emigración e o exilio ―tamén na propia terra―, continuándose mesmo nel, nalgúns casos, a loita polo restablecemento das liberdades do pobo galego e pola reconstrución dun réxime democrático en Galiza.

•             Coordinar, impulsar e axudar no traballo de cantas persoas e entidades, tanto públicas como privadas, realicen actividades encamiñadas á recuperación da memoria histórica da loita galega antifascista, en xeral, e antifranquista, en particular.

Así mesmo, o artigo 4 dos Estatutos da nosa entidade (achegados no seu día no Rexistro Estatal de Entidades de Memoria Democrática), establece que, para o cumprimento destes fins, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, centrará as súas actividades principalmente na investigación, a divulgación e a denuncia de todo aquilo que estea relacionado cos seus propios fins.

ANTECEDENTES:

•             Con data 15 de xullo de 2024, esta parte presentou escrito de solicitude ante a antiga Dirección Xeral de Atención ás Vítimas e Promoción da Memoria Democrática, de incoación de expediente para a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Democrática, conforme o artigo 50 da Lei 20/2022 do 19 de outubro de Memoria Democrática.

•             Con data 20 de novembro de 2024 a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña recibe comunicación da Subdirección Xeral de Divulgación da Memoria, na que se nos solicita unha corrección no escrito presentado referido no apartado anterior xa que en base ao art. 15.1 de a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas establece no seu apartado primeiro que: A lingua dos procedementos tramitados pola Administración Xeral do Estado será o castelán.

•             Con data 25 de novembro de 2024 esta entidade presenta escrito de corrección ante a Dirección Xeral de Atención ás Vítimas e Promoción da Memoria Democrática, atendendo o requirimento citado no apartado anterior.

•             Con data 2 de xullo de 2025 a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña presenta escrito ante a Dirección Xeral de Promoción da Memoria Democrática, no que se solicita información sobre o estado de tramitación do procedemento e, no seu caso, dos actos de trámite ditados, así como copia dos documentos obrantes no mesmo.

•             Con data 2 de setembro de 2025, o BOE publica a Resolución do 19 de agosto de 2025, da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, pola que se publica o Acordo de incoación do procedemento de declaración de Lugar de Memoria Democrática do «Pazo de Meirás».  Posteriormente, o BOE publica o 14 de agosto do presente ano, Resolución da Secretaría de Estado de Memoria Democrática do 6 de agosto de 2026, pola que se declara Lugar de Memoria Democrática «Meirás» (BOE núm. 199, do 14 de agosto de 2026).

•             Non consta resolución de incoación de expediente nin, no seu caso, caducidade do  mesmo, derivados da solicitude de incoación formulada por esta parte.

CUESTIÓNS PREVIAS:

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña manifesta o súa defensa e compromiso coa vinculación do Pazo de Meirás cun verdadeiro lugar de memoria durante os máis de 20 anos de existencia da nosa asociación. Consideramos e reivindicamos este lugar como un espazo vinculado á memoria histórica antifranquista de Galiza, e polo tanto, un espazo de recordo e recoñecemento ás vítimas do franquismo.

Este recurso non pretende, en ningún caso, cuestionar a declaración do Pazo de Meirás como lugar de memoria, senón expor correccións ao seu contido que, desde o noso punto de vista, contribúan a alcanzar os fins de verdade, memoria e reparación e garantías de non repetición que inspiran a Lei 20/2022.

O noso traballo histórico na reivindicación do espolio, da loita pola devolución deste ben ao patrimonio público é facilmente contrastábel. Non só no plano activista e reivindicativo (recoñecido tamén na sentenza do Xulgado de Primeira Instancia nº 1 da Coruña sobre a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público do 2 de setembro de 2020), senón tamén no plano da investigación e a divulgación.

Sorprende que estas achegas realizadas con moito esforzo, recoñecido mesmo polas institucións que resolven este tipo de expedientes, sexan utilizadas por terceiros, ao mesmo tempo que se despreza a participación dunha asociación memorialista como a nosa á hora de tramitar o expediente de declaración do Pazo de Meirás.

Sorprende tamén que avances significativos en materia democrática e memorialística relacionados co Pazo de Meirás, mesmo a día de hoxe, téñanse que realizar por nosa asociación mediante a mobilización social e a denuncia pública, mesmo para que se nos facilitase con celeridade algo tan básico en materia de transparencia, como é o acceso ao expediente administrativo desta resolución. Só despois da denuncia pública, o departamento correspondente do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática dános acceso ao devandito expediente, 17 días despois de solicitalo, o que supón que tivésemos unicamente 13 días para o seu estudo e para a elaboración e presentación do presente recurso.

O primeiro que comprobamos é que no expediente aparecen máis propostas para un plan de usos futuro do Pazo de Meirás que xustificacións para a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria. Tamén nos atopamos cun relato histórico sen vinculación coas vítimas e a memoria. Isto último faise cando se trata o período franquista, pero sobre todo cando se menciona a figura de Emilia Pardo Bazán.

E só hai que reparar nalgunhas preguntas para determinar o relato correcto nun expediente de declaración dun Lugar, como o Pazo de Meirás, como Lugar de Memoria. Estariámonos formulando este expediente se o franquismo non se cruzase na historia do Pazo de Meirás? Habería memoria histórica se non houbese abusos e represión franquista ao redor do espolio do Pazo de Meirás? Habería mobilización social para reivindicar a devolución do Pazo de Meirás, se non houbese espolio?

A resposta evidente é que non. Non habería nada diso. Por iso un expediente de Lugar de Memoria debe ter como eixo central ás vítimas daqueles feitos, tal e como reivindicamos no corpo do presente escrito e está recollido, ao noso entender, no espírito da Lei 20/2022.

O noso obxectivo sempre foi a devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público porque representa o espolio, baseado en abusos e represión, contra toda unha sociedade. Sen esquecernos de que as vítimas en Meirás teñen nomes e apelidos, e de que estamos ante rostros e vidas truncadas. Tamén hai que engadir que desgraciadamente, e a pesar dos avances democráticos, a impunidade vinculada á etapa franquista segue presente no Pazo de Meirás.

É por iso que o noso recurso se centra exclusivamente nestas cuestións porque eses principios non se atenden nos fundamentos e resolución pola que se declara o Pazo de Meirás como lugar de memoria, o que desvirtúa os aspectos recollidos na exposición de motivos, na descrición do Lugar e nas medidas de protección e difusión. Tamén hai que dicir que estivemos condicionados ao escaso tempo do que dispuxemos xa que foi necesario estudar o expediente, contrastar opinións co asociacionismo memorialista, e acordar democraticamente o contido do presente recurso nos órganos estatutarios de decisión da nosa asociación. Centrarémonos por tanto nos seguintes aspectos:

PRIMEIRO.- A ELIMINACIÓN DO ASOCIACIONISMO MEMORIALISTA NO EXPEDIENTE, COMO PROMOTORES DA SOLICITUDE

1.1.         Incumprimento do procedemento administrativo e os dereitos de nosa entidade como propoñentes da incoación do expediente.

Tal e como figura no apartado referido nos antecedentes, non consta nesta Resolución o escrito de solicitude de incoación do procedemento para a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria presentado pola nosa entidade con data 15 de xullo de 2024, ante a antiga Dirección Xeral de Atención ás Vítimas e Promoción da Memoria Democrática e que foi apoiado por outras 27 entidades galegas do ámbito memorialístico, social, veciñal e cultural.

Tampouco figura no expediente ningunha dilixencia ou actuación administrativa derivada da presentación da citada petición. Unha flagrante irregularidade tendo en conta que tampouco figura neste expediente ningunha resolución de caducidade do procedemento asociado á devandita solicitude.

Resolución de caducidade que, no seu caso, está a administración obrigada a ditar expresamente e a notificala (resolución de caducidade que non consta e que, en todo caso, a notificación nunca foi practicada).

SEGUNDO.- ESQUECEMENTO E IMPUNIDADE COAS VÍTIMAS DO FRANQUISMO

2.1. Feitos históricos no Pazo de Meirás sen vinculación coa memoria histórica.

Esta parte entende que un “Lugar de Memoria” debe de estar vinculado obrigatoriamente á represión e á violencia sobre a poboación como consecuencia do golpe de estado de xullo de 1936, a guerra, a ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e afondamento dos valores democráticos.

Así se recolle na Lei 20/2022 do 19 de outubro de Memoria Democrática no seu artigo 49. Entendemos un lugar de memoria como aquel relacionado con feitos que tiveron singular relevancia referidos a atentados e vulneración de dereitos fundamentais durante os periodos anteriormente citados. Lugares de permanente recordo, onde o eixo central do recoñecemento debe estar nas vítimas da barbarie.

A ampliación a “feitos históricos” non vinculados á represión franquista, e por tanto ás vítimas, por moi relevantes que se consideren, só axudan a desvirtuar a represión e colocan ás vítimas do franquismo nun segundo plano. E consecuentemente, a unha interpretación errónea da Lei 20/2022

En todo o expediente serve calquera feito histórico que se considere relevante no Pazo de Meirás, para vinculalo cun “lugar de memoria”. Non falamos de feitos que axuden a contextualizar ou axudar a comprender o pasado máis ou menos recente dese espazo. Falamos de converter á figura do vitimario Francisco Franco e a de Emilia Pardo Bazán en eixos centrais da declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria. Sirva a seguinte afirmación (idea repetida constantemente en todo o expediente para xustificar a declaración) para demostralo: “O Pazo de Meirás é un símbolo fundamental para a memoria democrática en España pola súa complexa traxectoria histórica, que o vincula a Emilia Pardo Bazán, figura clave da cultura e a literatura, e ao franquismo”. (BOE, do martes 2 de setembro do 2025, Nº 211, páxina 116080). Esta idea repítese constantemente en todo o expediente para xustificar a declaración.

A fundamentación (exposición de motivos) e o apartado segundo da parte resolutiva (no que  se asocia descriptivamente o lugar de memoria co “legado cultural e intelectual de Emilia Pardo Bazán –figura fundamental da literatura española, impulsora das Torres de Meirás e referente na defensa da educación e a igualdade das mulleres_…” incorpora a figura e obra de Pardo Bazán á xustificación e resolución de declaración de Lugar  de Memoria Democrática, cando, conforme o art. 22 da Lei debe estar relacionado cos antecedentes, obxectivos e valores de memoria democrática (das vítimas e represión de ditadura), e non doutras circunstancias (antecedentes materiais ou privados) en relación co inmoble.

A declaración dun Lugar de Memoria Democrática non é (nin por esixencias nin por fundamentos e obxectivos) a declaración dun valor cultural ou de sitio histórico senón un lugar directamente asociado ao cumprimento dunha Lei, a 20/2022, razón pola cal son alleas á devandita Lei as referencias relativas á traxectoria privada de quen, aínda sendo relevantes para outras declaracións, son alleas á memoria democrática.

2.2. Emilia Pardo Bazán non foi vítima do franquismo

E isto ocorre coa figura de Emilia Pardo Bazán na exposición de motivos da resolución (e no apartado segundo da súa parte resolutoria), a quen ninguén nega –a nosa entidade a primeira– a súa condición como figura importante nas letras españolas, o mesmo que noutros planos sociais. Mais esta cuestión carece de relevancia á hora de determinar as condicións que reúne o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria.

A vinculación desta escritora e dos seus antepasados co Pazo de Meirás explica boa parte da historia, con máis de seis séculos de profundas transformacións. De xeito singular a, a construción das Torres que Emilia Pardo Bazán converte na súa residencia de verán desde 1907 ata a súa morte en 1921.

Mais se estes feitos son innegables, tamén o son a falta de vinculación da figura de Emilia Pardo Bazán coa definición que a entender da nosa asociación, debe ter un lugar de memoria democrática. Bastaría para razoalo un simple dato histórico: Emilia Pardo Bazán falece 15 anos antes do golpe de estado do 36 e case 17 anos antes de que as súas herdeiras participasen na transmisión do Pazo de Meirás.

Non podemos, en ningún caso aceptar que o pazo de Meirás sexa un lugar de memoria espoliado a Emilia Pardo Bazán como se desprende do informe do Departamento de Historia da USC que figura no expediente: “É sen dúbida un lugar de memoria arrebatado, porque naceu vinculado á escritora Emilia Pardo Bazán”.

2.3. Esquecemento e banalización das vítimas do espolio

Precisamente as herdeiras de Emilia Pardo Bazán son as únicas que non sufriron abusos e prácticas espoliadoras a diferenza de todas as demais persoas que transmitiron propiedades ou dereitos sobre as terras e inmobles que están dentro do ámbito da propiedade que recupera a Administración Xeral do Estado mediante STS 386/2026. É máis, a propia filla da escritora, María de las Nieves Quiroga e Pardo Bazán non esconde o seu fervor e apoio aos golpistas, e de xeito singular a quen encabezaba a sublevación, remitindo unha carta á Junta Pro Pazo del Caudillo, tras chegar a un acordo no prezo de venda, na que manifestaba, entre outras cuestións, o seguinte:

Con la devoción que en estos momentos históricos, siente todo buen español por nuestro Caudillo, ofrezco renunciando a mi derecho, este pequeñísimo sacrificio, que me consuela en mis grandes penas, poder hacer. Al pensar en el glorioso enviado de Dios, que va a honrarle habitándola y en los grandes beneficios que, con ello redundarán en favor de mi amada y bellísima Marineda, me separo con mi emocionada gratitud, hacia la Junta de esa mansión, cuyo recuerdo tan fuertemente ligado va al de los días más felices de mi vida.

Firmado. La Marquesa viuda del Teniente General Cavalcanti. Condesa de la Torre de Cela y de Pardo Bazán”.

A propiedade á que facía referencia a filla de Pardo Bazán eran os inmobles que existían no antigo Pazo de Meirás dentro dunhas 6 hectáreas, que nese momento tiña a propiedade do Pazo. Parte destes terreos deste ámbito estaban arrendados a colonos que tiñan importantes dereitos de explotación das terras, e que a propia escritura advertía aos compradores franquistas, facéndose constar: “….Y se incluyen igualmente todos cuantos terrenos se hallen unidos al referido edificio y puedan formar con él una sola finca, aun cuando alguno o algunos de ellos estén arrendados; pero en este caso habrá de entenderse la Junta (Pro Pazo del Caudillo) con los colonos a los efectos de la dejación de tales terrenos”.. A partir desta adquisición viría a ampliación do ámbito do Pazo, coa apropiación ou espolio de todo tipo de bens inmobles e tamén de bens mobles.

Mas parémonos previamente no momento que comeza a vinculación do Pazo de Meirás coa memoria histórica. Os feitos relevantes, estes si, que xustifican a declaración deste espazo como un lugar de Memoria, comezando cos anos previos ao espolio. Feitos que na declaración son, ou ben banalizados, ou directamente excluídos do relato.

Porque o exercicio da represión contra a poboación non se limitou, nin moito menos, aos feitos que se citan na exposición de motivos. Durante os primeiros anos e con motivo das estancias de Franco en Meirás, as detencións previas á chegada do ditador ao Pazo eran masivas. A aglomeración na prisión provincial da Coruña por este motivo era unha realidade, e existía unha vixilancia e control absoluto da poboación na comarca da Coruña.

O aparente fervor e expresións de adhesión pública a Franco, inducidas polo aparello do propio réxime, ocultaban unha realidade moi presente entre a poboación: o medo, o terror paralizante á bárbara represión franquista.

2.4 A etapa republicana (1931-1936) na exposición de motivos da declaración

No relato histórico que se escolle, despáchase este período en medio parágrafo e cítanse dúas realidades diferenciadas vinculadas ao Pazo de Meirás. Unha primeira referida a un conflito agrario. Textualmente dise o seguinte: “… foi así mesmo escenario de conflitos agrarios que reflectían as profundas tensións sociais e políticas do período”. A segunda realidade é a da familia da xa falecida Emilia Pardo Bazán da que se afirma: “Algúns membros da familia participaron en conspiracións antirrepublicanas relacionadas cos procesos golpistas de 1932 e 1936, convertendo o lugar nun escenario representativo das fracturas que precederon á Guerra de España”.

Ou sexa, fálase dun “período de fracturas” pero se exclúe do relato os feitos que son relevantes para xustificar a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria Histórica (e que se recollen na propia definición que a Lei 20/2022 dá no seu artigo 49) como son as loitas da cidadanía polos seus dereitos e liberdades, a memoria das mulleres, así como a represión e violencia sobre a poboación.

No relato aquí referido óbviase que os labradores e sindicalistas que participaron no conflicto agrario referido, sufriron todas e todos eles unha brutal represión, mediante o asasinato impune, ao que precederon torturas e mutilacións, como foron os casos de Xohán Antón Suárez Picallo, Antonio Carballeira e Manuel Prego. A brutalidade empregada foi de tal magnitude que algúns dos membros do Sindicato de Profesións Varias de Meirás decidiron esconderse en zulos construídos por eles mesmos onde viviron enterrados en vida a pouca distancia de onde o ditador comezaba a residir durante os veráns, como foron os casos de José Mosquera e Emilio Corral. Outros decidiron quitarse a vida ante este escenario de brutal represión, como foi o caso de Juan Seijo que se suicida cortándose o pescozo cunha navalla de barbear.

Estes son só algúns exemplos da represión. Algunhas das caras da barbarie que existiron en Meirás tras ese “período de fracturas”.

2.5 A ampliación de terras e de bens inmobles tras a adquisición do Pazo de Meirás.

No relato histórico que forma parte da exposición de motivos da declaración, se diferencian dous métodos de adquisición de bens a favor do ditador Franco executados paralelamente xunto coa adquisición do Pazo de Meirás. Un, onde “se ampliaron os terreos mediante apropiacións e expropiacións realizadas sobre propiedades veciñas, privando a numerosas familias dos seus medios de subsistencia”, e un segundo método mediante “o traslado ao recinto de diversos bens procedentes doutros enclaves patrimoniais galegos, incorporados mediante prácticas de espolio e apropiación”.

Lembrar que a parcela e inmobles que recupera a Administración Xeral do Estado mediante a  STS 386/2026 é a referenciada no catastro co número 15076A00600005 con extensión total segundo este organismo de 93.711 m², perimetrada por uns muros que parte pertencían ao antigo Pazo de Meirás (dunhas 6 hectáreas de extensión e con diferentes inmobles) e outra parte de muros foron construídos entre os anos 1938 e 1939 para pechar a nova propiedade, que incorporaba máis de 3 hectáreas de terreos correspondentes a 17 propietarios e propietarias. Varias destas propiedades levábanas a través de foros numerosos labregos e labregas que tiñan importantes dereitos sobre as terras que explotaban como forma de vida. A maiores, tamén se incorporou un inmoble e un camiño público.

Sorprende que na exposición de motivos fálase de “espolio e apropiación” para bens trasladados doutros recintos (supoñemos que se refire a pezas e elementos patrimoniais) e de “apropiacións e expropiacións” (entendemos que para referirse ao proceso de ampliación das propiedades do Pazo).

E dicimos que é sorprendente, porque é sobradamente coñecido que no ámbito referido (a que devolve ao Estado o poder xudicial a través de STS 386/2026) non existe por parte de ningunha administración pública, ningún proceso expropiatorio. Todas esas propiedades pasan mediante compra-vendas forzosas, e o motivo que a sentenza referida (e anteriores do Tribunal de Primeira Instancia da Coruña e da Audiencia Provincial da Coruña) outorgue a propiedade ao Estado, están vinculadas o exercicio do Estado da usucapión extraordinaria, ao estar vinculadas tamén estas leiras e inmoble á residencia de verán da Xefatura do Estado por un espazo temporal superior ou igual a 30 anos.

Afirmar que neste ámbito houbo expropiacións é un relato falso e de impunidade, xa que unha expropiación é un acto administrativo regrado e sobre todo legal, que ten un procedemento onde ten que existir unha causa xustificada de utilidade pública ou interese social, que poida privar a unha persoa dun ben ou un dereito. E nese ámbito houbo xustamente o contrario, tanto para cos propietarios, e sobre todo para as persoas labradoras que viron da noite á mañá como perdían os seus dereitos sobre a explotación das terras, mentres Franco engordaba a conta de todas estas persoas o seu patrimonio privado.

A ampliación de superficie (desde a delimitada nas escrituras de 1938 e 1940) á superficie obxecto da acción reivindicatoria do Estado (estimada por sentenza firme) non obedeceu a procedementos expropiatorios ordinarios senón a medidas coercitivas e forzosas, impostas e instrumentalizadas polos aparellos ao servizo do ditador. Devandita extensión da zona cercada foi cualificada polos órganos xudiciais (feitos probados; STS de 11/03/2026) do seguinte modo: “fóronse incorporando outras leiras lindeiras de allea pertenza, integrándoas no interior da superficie cercada mediante ocupación manu militari”.

Ocupación manu militari” que dista moito do que pode considerarse como expropiación.

2.6 O caso do espolio do Pazo de Bendaña.

Dentro dos casos de espolio vinculados ao Pazo de Meirás, sorpréndenos tamén que non se faga referencia algunha na resolución, ao desmonte e traslado do Pazo e Torre de Bendaña no concello de Dodro, unha propiedade pública entregada irregularmente ao ditador Franco. Este traslado prodúcese paralelamente ao proceso de incautación das propiedades lindeiras e das profundas reformas que se realizaron tanto nos inmobles como nos xardíns do Pazo de Meirás.

A presenza dos restos deste Pazo no de Meirás, sobre todo nos xardíns no ámbito recuperado polo Estado é moi evidente, o que o converte nun feito memorialístico relevante conforme ao recollido no espírito da Lei 20/2022, segundo entendemos desde a nosa entidade.

2.7 Outras apropiacións e abusos realizados polo franquismo vinculados co Pazo de Meirás.

Alén das máis de 9 hectáreas de terreo que recupera o Estado para o patrimonio público a través da xa citada aquí STS 386/2026, ámbito que comentamos no apartado 2.5 do presente escrito, houbo outros métodos levados a cabo durante os 37 veráns que o ditador pasou no Pazo de Meirás, que lle permitiron engordar o seu patrimonio privado en case outras tantas hectáreas máis, fóra dos muros do Pazo de Meirás. Mesmo fóra do municipio de Sada onde se localiza o Pazo, como foi o caso da leira e casa que as administracións públicas adquiriron e construíron, respectivamente, ao pé da praia de Bastiagueiro.

Os métodos de adquisición fóra de muros destas propiedades e rexistradas a nome do ditador Franco, foron diferentes e entendemos referenciadas na exposición de motivos a de a declaración de Lugar de Memoria cando se afirma: “As sucesivas ampliacións, reformas, actividades agropecuarias e dotacións materiais realizadas na leira constitúen unha expresión especialmente significativa das dinámicas de apropiación, arbitrariedade, clientelismo e impunidade que caracterizaron ao franquismo”.

Máis aló de que non é certo que todas as leiras e propiedades que pasan a Franco nos procesos de apropiación que se dan no Pazo de Meirás prodúzanse por “sucesivas ampliacións”, xa que algunhas pasan durante o proceso de adquisición en 1938 (como por exemplo unha coñecida como A Cortiña, que serviu, entre outras para as actividades agropecuarias citadas na exposición de motivos), óbviase o novo método represivo que o réxime deseña en Meirás para facerse con novas propiedades e rexistralas a nome de Franco.

Para entendelo, nada mellor que analizar o proceso que leva a que a coñecida como “Casa dás Cunchas” cunha extensión dunha hectárea de terreo, e que a partir do ano 1963 vai xogar un papel importante na xestión da propiedade do conxunto do Pazo de Meirás. Ou o caso da transmisión dunha leira en 1966 a nome de Franco, propiedade de Carlos Lago, un enxeñeiro da Armada republicana no exilio, que axudou a preparar o desembarco de Normandía, e que foi distinguido polo Reino Unido e a República francesa, e acabou tamén espoliado polo franquismo en Meirás.

En concreto a propiedade de Carlos Lago serviu a partir de finais da década dos anos 60, para outras das actividades lucrativas da xa citada explotación agropecuaria. Neste caso, para o arrendamento a labradores de Meirás. A súa adquisición realizouse por ese novo método represivo ao que faciamos referencia, e que o caso de Carlos Lago exemplifícao como ningún, xa que este mariño republicano no exilio, xamais lle tivese vendido ao aparello franquista a propiedade que herdou da súa nai en Meirás para que este o puxese a nome do ditador Franco.

Carlos Lago coñecía ben as circunstancias do contexto no que se deu a operación. Do mesmo xeito que os propietarios que se viron obrigados a perder as súas propiedades no proceso de ampliacións de propiedades do Pazo de Meirás entre os anos 1938 e 1942, Carlos Lago asinou un poder notarial a un familiar porque sabía perfectamente a que expoñíase se non asinaba. El nunca lla vendeu voluntariamente a Franco, pero sabía que a súa familia atravesaba dificultades e que podería sufrir represalias.

Estes casos exemplifican métodos represivos que se daban en Meirás que van moito máis alá de simples apropiacións clientelares ou arbitrarias.

2.8 A impunidade.

Todas estas propiedades situadas fóra de muros do Pazo de Meirás e que, por tanto, non recupera o Estado na STS 386/2026, serviron en moitos casos para que os herdeiros do ditador se enriquecesen con elas a partir da década de 1990.

Dentro deste apartado, merece comentario a leira onde, nos primeiros anos da década de 1940, construiríase un acuartelamento de tropas para albergar o persoal que, ao servizo da Casa Militar, dedicaríase á vixilancia do Pazo. Unha leira que pasa a ser propiedade de Franco no proceso que protagoniza a Junta Pro Pazo do Caudillo a partir de 1938. Un acuartelamento ao que se derivarán inxentes cantidades de recursos públicos a partir da súa construción, e que albergará tropas ata os inicios da década de 1980, ou sexa, mesmo tras a morte de Franco en 1975.

Esta leira e os diferentes edificios do acuartelamento serán vendidos polos herdeiros do ditador, previa recalificación dos mesmos para usos urbanos e residenciais. E non serán as únicas leiras que servirán para lucrar en Meirás aos herdeiros do ditador grazas ás operacións inmobiliarias que se realizan con esas propiedades “xestionadas” polo Estado durante a ditadura.

É por esta razón que xa é practicamente imposible recuperar boa parte do patrimonio espoliado polo franquismo en Meirás, pero si que é verdade que está pendente aínda a actuación do Estado para recuperar o patrimonio inmobiliario que aínda segue en mans dos herdeiros do ditador en Meirás na actualidade, produto dos procesos de apropiación e abusos xa comentados no corpo deste escrito.

Tampouco debe esquecerse todo o patrimonio cultural de obras e pezas de arte espoliados no Pazo de Meirás entre os anos 1975 e 2020, ano en que o Estado toma posesión (provisionalmente nese momento). E é que, e aínda que resulte sorprendente, o Estado tarda case 44 anos en iniciar a reclamación deste ben (45 anos para que se realice o primeiro inventario de bens mobles do Pazo). En todo ese período pódese contrastar a saída de bens patrimoniais de gran valor, e desgraciadamente agora sería imposible inventariar todos os bens patrimoniais espoliados tras a morte do ditador.

Non negamos a importancia e a transcendencia do traballo que ten como resultado a STS 386/2026, entre outras cuestións, porque a nosa asociación foi peza activa dese proceso. É máis, asumímola como un exemplo de loita e reivindicación polos valores ligados á verdade, á xustiza e á reparación. E tamén como un valor exponencial na loita contra a impunidade do franquismo. Mais este feito, non pode en ningún caso obviar a impunidade que segue presente de xeito tan palpable e demostrable en Meirás, polo que non podemos afirmar, tal e como se fai na exposición de motivos da declaración, que “Meirás ha dejado de ser unicamente un símbolo de la apropiación y del poder franquista…”. En “Meirás”, existen propiedades a día de hoxe a nome dos herdeiros do ditador e adquiridas baixo procesos espoliatorios e de apropiación, sobre as que o Estado non realizou ningunha acción para recuperalas, como a leira onde se atopa a mina de auga que serviu históricamente para o abastecemento do Pazo de Meirás, que sería facilmente recuperable, ao estar asociada e transmitida no seu momento como ben ligado ao Pazo. Entendemos que ante esta situación non son precisamente adecuadas afirmacións deste tipo.

TERCEIRO.- ELIMINACIÓN DA PALABRA “PAZO” DA DENOMINACIÓN DO LUGAR DE MEMORIA

3.1. Antecedentes

No apartado primeiro da resolución (BOE» núm. 199, do 14 de agosto de 2026) referido a Declaración de Lugar de Memoria Democrática como “Meirás” que tamén se alude no apartado segundo referido á descrición (aínda que neste caso tamén se indica a que é coñecido como «Pazo de Meirás» ou «Torres de Meirás»). Na resolución na que se incoa o procedemento de declaración (BOE» núm. 211, do 2 de setembro de 2025) a denominación escollida é a de “Pazo de Meirás”.

Aínda que non consta no expediente, segundo denunciamos no apartado primeiro do presente escrito esta entidade, (xunto ao apoio de diferentes entidades sociais e memorialistas), solicitamos como promotores da incoación do expediente a declaración do “Pazo de Meirás” como lugar de Memoria. Con esa denominación que corresponde coa denominación de uso social. E tamén pola súa vinculación histórica co mundo pacego galego.

Un cambio terminolóxico que en ningún caso responde a unha necesidade de resignificación para desligalo da figura de Franco, senón máis ben cunha clara asociación dese espazo coa figura de Emilia Pardo Bazán.

Un cambio de denominación de Lugar de Memoria Democrática que tampouco consta que fose expresamente alegado nos escritos presentados no trámite de consultas previas á Resolución.

Así, no informe do Consello da Cultura Galega (páx. 75 do expediente administrativo) considérase que “Os futuros usos do que se poderá denominar Espazo Meirás deberán, ….” pero claramente vinculada devandita denominación co futuro plan de usos do lugar, e non propiamente coa súa denominación. De feito, nesa mesma páxina, indícase que “É indubidábel que se algo suscita a declaración como lugar de memoria democrática é a identificación do Pazo de Meirás coa ditadura….”, o que evidencia que a denominación, asociada á ditadura (e por tanto, ao lugar de memoria) é Pazo de Meirás.

Do mesmo xeito, no Informe da Universidade de Compostela non se xustifica específicamente  o cambio de denominación do Lugar (que, lembremos, a súa denominación era Pazo de Meirás no acordo de incoación).

3.2. Unha estratexia para a ocultación do relato memorialístico.

Non imos descubrir nada novo se afirmamos que unha parte do mundo académico, (mesmo doutros ámbitos) defenden o argumento de que debe retirarse a palabra Pazo da denominación desta propiedade.

No argumentario desta reivindicación existen tamén varios denominadores comúns entre as persoas que defenden esta posición, e que se resumen nos seguintes aspectos:

–              É un relato que nace coa mobilización e reivindicación pola devolución do Pazo de Meirás ao patrimonio público. Non antes.

–              Protagonízano persoas que compareceron socialmente con este argumento, sempre que houbo avances no proceso de devolución do Pazo ao patrimonio público, pero que mantiveron un silencio absoluto ante a detentación impune e dos espolios practicados (tamén sobre os espolios contra elementos da época de Pardo Bazán) polos herdeiros do ditador Franco durante as décadas previas ao proceso.

–              A reivindicación das Torres como elemento central (incluso como denominación) dedicado en exclusividade á figura de Pardo Bazán.

–              A complementariedade do espazo coa explicación de feitos históricos, pero nunca ligados á represión e moito menos ás vítimas do franquismo.

Pois ben. A modificación decidida na denominación parece atender todos eses criterios novos para a expulsión da memoria, e o relato que fixo posible a recuperación do  Pazo de Meirás para o patrimonio público. Un cambio terminolóxico cunha carga que vai moito máis alá dunha interpretación inocua.

Se se analiza o expediente pódese observar que se dá a entender que é necesario superar unha carga simbólica, xa que se parte da afirmación de que o nome de “Pazo de Meirás” foi imposto polo propio ditador Franco e a súa contorna. No expediente parece todo construido para un obxectivo concreto. Dito doutro xeito, temémonos que se está construíndo un determinado relato para o que logo se buscaron os argumentos, que lonxe de xustificar que o Pazo de Meirás sexa un lugar de memoria, serven a criterios contrarios e non atenden o espírito da Lei 20/2022.

3.3. O Pazo de Meirás e a súa innegable vinculación ao mundo pacego galego.

Non pretendemos realizar no seguinte apartado ningunha reconstrución histórica sobre o Pazo de Meirás que non nos corresponde nin vén ao caso. Tan só relacionar algúns feitos perfectamente contrastabeis que demostran que a concepción desta propiedade de máis de seis séculos de historia, e por tanto sometida a profundas transformacións durante todo este tempo, está vinculado á existencia dun Pazo, ou sexa, a unha casa solariega de carácter señorial, onde acostumaban residir no rural os señores, a burguesía ou a fidalguía en Galiza con anterioridade ao século XX.

Pouco ou ningún favor fanlle aquelas persoas que tanto din defender o legado de Emilia Pardo Bazán, negando a existencia dun Pazo na residencia na que os seus pais e posteriormente ela decidiron veranear.

Porque non esquezamos que ela casa na capela do Pazo en 1868. Emilia Pardo Bazán éscolle esta finca como lugar de veraneo antes mesmo da colocación da primeira pedra das Torres en 1894 ás que non se mudará ata o ano 1907.

Por tanto, dicir que no Pazo de Meirás non había un “Pazo” con anterioridade a 1938, significa que Emilia Pardo Bazán tomábase as molestias de viaxar desde Madrid, co seu persoal de servizo, a unha residencia que non cumpría as condicións das casas rurais dos señores. Que, aínda que tiña caseiros que xestionaban a quinta, capela propia para os señores, actividades agropecuarias, terras aforadas, esta carecía das condicións das outras quintas propiedade da burguesía da contorna, que si eran consideradas Pazos. Ou sexa, que Emilia Pardo Bazán, a pesar de ter unha casa señorial na rúa Tabernas da Coruña, localización esta onde residía boa parte das elites coruñesas, prefería pasar as tempadas nunha posesión rural que non cumpría as condicións necesarias, polo que agora se lle nega cáteagoría de Pazo.

As característica da residencia na que permaneceu durante os veráns Pardo Bazán, onde acolleu e faleceu o pintor Joaquín Bahamonde, onde foi invitado a pernoctar Miguel de Unamuno, desde onde se desprazaba a outras quintas da burguesía da comarca da Coruña (estas si consideradas Pazos) ou a actos  sociais, como o que daba conta o periódico “La Época”, que na súa edición do 26 de agosto de 1897 (cando as Torres aínda estaban nunha incipiente construción) daba conta da presenza de Pardo Bazán no palco de autoridades nos actos da Coruña con motivo da morte de Cánovas del Castillo: “quien acompañada de sus hijos y vestida de riguroso luto, llegó a ocuparla desde su Pazo de Meirás”. Na mesma noticia afirmábase: “procedía de la hermosa quinta que en Meirás posee la eximia escritora Dª Emilia Pardo Bazán

Tamén boa parte das principais e máis importantes obras literarias de Emilia Pardo Bazán están escritas nesa residencia pacega, cando aínda non se colocara a primeira pedra das Torres (en 1894). Obras como “La Tribuna (1883)”, “Los Pazos de Ulloa (1886)” , “La madre naturaleza (1887)”, “Insolación (1889), estiveron ligadas no espazo de creación, co antigo Pazo de Meirás do que quedan claros vestixios presentes no actual Pazo de Meirás.

3.4. O nome de Pazo de Meirás non é unha imposición de Franco.

Como xa se comentou, tras a propiedade que coñecemos como Pazo de Meirás hai máis de seis séculos de historia. Cun pasado antes de converterse en quinta de recreo señorial, típica da burguesía e asociada aos pazos galegos. Unha historia de transformacións que deixaron maior pegada no noso presente de xeito singular coa construción das Torres e as profundas transformacións que se farán no Pazo de Meirás.

Pero estes feitos non xustifican que a condición pacega do Pazo de Meirás estea vinculada a unha decisión de Franco. Como xa se demostrou, esta condición existía con anterioridade á chegada do ditador.

3.5. O Pazo de Meirás dentro do catálogo de Patrimonio do Concello de Sada.

Dentro do vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal de Sada, figura o catálogo de Patrimonio que relacionan os elementos arquitectónicos, etnográficos, naturais e arqueolóxicos do municipio, que ten carácter normativo.

Dentro do apartado 5 do citado catálogo, relaciónase a arquitectura señorial, Casas Grandes e Pazos. O Pazo de Meirás queda catalogado como Pazo, co código 5.1 e coa denominación “Pazo de Meirás”, polo que debería respectarse esta denominación tamén na resolución recorrida mediante o presente escrito.

3.6. Unha denominación que incorpora maior confusión ao usar o topónimo da entidade de poboación na que está situada.

O Decreto 189/2003 do 6 de febreiro (DOGA nº 59 do 25 de marzo de 2003) aproba o nonmenclator correspondente ás entidades de poboación, entre elas as do concello de Sada e na que figuran as parroquias do municipio. Meirás é unha delas, ou sexa, unha división territorial e administrativa por baixo do municipio, que ten outras por baixo delas denominadas “lugares”.  En concreto 19 lugares, localizándose a extensión do Pazo de Meirás en dous deles: “Piñeiro” e “A Senra”.

A denominación de “Meirás” sería correcto se o ámbito escollido da declaración de Lugar de Memoria fose o de toda a entidade de poboación, tendo en conta que a vinculación cos usos, espolios e impunidade existente no Pazo de Meirás vai máis aló da propiedade que recupera o Estado para o patrimonio público. Tamén tendo en conta os acontecementos previos e posteriores que se producen na parroquia antes da sublevación de 1936. Pero este non é o caso. O ámbito escollido é exclusivamente o que está dentro dos muros que rodean á propiedade que na actualidade é da Administración Xeral do Estado.

De feito, cando a Secretaría de Estado decidiu declarar outras entidades de poboación como Lugares de Memoria, utilizou a entidade poboacional como parte da declaración no caso da “Ciudad de Alicante” , “Ciudad de Eibar”, “A cidade de Ferrol” (este pendente de resolución) ou o “Espacio urbano de Gernika-Lumo”. Tamén cando se refería a localizacións concretas en entidades de poboación como o caso da “Cruz de Torrijos” ou “Fuerte de San Cristobal” entre outros.

É a primeira vez que se usa este criterio, modificando ademais o nome de uso social común para referirse á propiedade que recupera o Estado. Ou sexa, Pazo de Meirás. Unha propiedade que ten unha historia de máis de seis séculos, como xa se repetiu neste escrito, durante os cales pasou por diferentes circunstancias históricas e profundas transformacións. A súa condición pacega estivo vinculada, como o resto de pazos de Galicia, a nobres ou persoas vinculadas coa burguesía, que crearon este tipo de residencias con anterioridade ao século XX. A súa configuración actual está moi determinada polas profundas transformacións realizadas polos Pardo Bazán, singularmente pola escritora Emilia Pardo Bazán, que crea as Torres, o edificio máis prominente do conxunto que conforma o Pazo de Meirás. 

Pero fundamentalmente polas profundas transformacións e ampliacións que se realizan coa chegada do ditador Franco no conxunto, todas elas baixo as súas indicacións. Entre elas, a transformación das edificacións que conformaban o antigo Pazo de Meirás, reconverténdo en garaxes, oficinas e dependencias de servizo administrativo e agropecuarias, incorporando un novo inmoble e eliminando a casa dos caseiros xunto ao antigo pazo, e transformando os xardíns e o interior das Torres, entre outras modificacións.

O Pazo de Meirás na actualidade é o resultado das transformacións do seu pasado, que debe ter en conta todos os elementos que o conforman, moito máis alá do edificio das Torres que, aínda que é o elemento principal do conxunto, non se pode interpretar sen o resto de elementos.

A denominación escollida de “Meirás” non atende á súa realidade e só colaborará en confundir a definición dun espazo que xa de seu ten demasiadas complexidades, cando ten unha denominación (Pazo de Meirás) que responde á súa historia e ao seu uso social.

CUARTO.- OUTROS ERROS MATERIAIS

4.1. Erro na data de adquisición do Pazo de Meirás por parte do Junta Pro Pazo

Na resolución aparece un erro material na seguinte afirmación da exposición de motivos da resolución: A compra foi formalizada o 3 de agosto de 1938, cando realmente a formalización da escritura foi o 5 de agosto de 1938.

4.2. Falta de respecto absoluto sobre o uso da toponimia oficial da cidade e provincia da Coruña.

Respecto do texto correspondente á incoación do procedemento, existen erros que se corrixen na resolución definitiva. Mais, algúns, pola súa gravidade e palpable erro, deberían corrixirse, constando estas correccións no expediente administrativo:

No fundamento xurídico segundo debe corrixirse:

–              Deputación de La Coruña por Deputación da Coruña

–              Xulgado de Primeira Instancia Número 1 de La Coruña por Xulgado de Primeira Instancia Número 1 da Coruña

–              Audiencia Provincial de La Coruña por Audiencia Provincial da Coruña

4.3. Falta de unanimidade nas institucións galegas.

Tamén debe ser retirada do texto a expresión “A unanimidade das institucións galegas e do movemento memorialista galego en defensa da devolución do Pazo ao Estado cobrou forza cando en xullo de 2019 a Avogacía Xeral do Estado presentou unha demanda para que a familia Franco devolvese o Pazo de Meirás por «fraude» na compra”.

O único documento que utilizou a Avogacía do Estado na demanda e anexo documental que presentou no Xulgado derivado do traballo de institucións galegas, foi o informe dunha comisión de expertos nomeada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Por tanto, non procede a frase citada, polas seguintes razóns.

–              Ningunha asociación (incluída a nosa) nin ningunha persoa recoñecibel no referido “Movemento memorialista galego” foi convidada a participar nas deliberacións nin na elaboración do informe da citada comisión de expertos.

–              Devandito informe contou co desacordo de asociacións memorialistas e do Concello de Sada, que presentou como membro da comisión un Voto Particular ao recoñecemento dos herdeiros do ditador Franco como “posuidores de boa fe”, cuestión esta recoñecida implicitamente polo Estado tamén na vista previa do proceso, o que determinou en boa medida un episodio lamentable, como vai ser indemnizar á familia Franco polos gastos útiles e necesarios realizados no Pazo de Meirás entre 1975 e 2019.

É por iso que solicitamos tamén que se inste á corrección do informe (apartado 6) do Consello da Cultura Galega que consta no expediente e que afirma o seguinte:

“…acordo do Parlamento de Galicia para constituír unha comisión de expertos ao respecto, cuxo ditame xurídico -histórico foi aprobado por unanimidade por aquel…”

QUINTO.- CONCLUSIÓNS

Con base nas consideracións manifestadas, desde a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, solicitamos que se teñan por presentando este escrito xunto aos documentos que se acompañan, e que se teñan en consideración as seguintes cuestións:

1.- Recoñecemento dos promotores e corrección do procedemento administrativo

–             Que se incorpore formalmente ao expediente e á exposición de motivos da Resolución o escrito de solicitude presentado o 15 de xullo de 2024 (apoiado por 27 entidades) como o feito promotor que deu orixe ao procedemento, recoñecendo a asociación recorrente e ao movemento memorialista como parte interesada e impulsora do mesmo.

2.- Reorientación do relato histórico e centralidade nas vítimas da represión franquista con base na propia definición na Lei 20/2022 de Memoria Democrática dun Lugar de Memoria

–             Máis aló da cita a feitos históricos concretos que axuden á contextualización de feitos, a exposición de motivos da declaración debe ter como eixo central ás vítimas do franquismo, á súa vinculación coa represión sobre a poboación como consecuencia do golpe de estado de 1936, a guerra, a ditadura, o exilio e a loita pola recuperación e afondamento dos valores democráticos. Ou sexa, o que establece o artigo 49 da Lei 20/2022.

–             Por tanto, solicitamos que se reordene a exposición de motivos da declaración para situar ás vítimas do franquismo, dos abusos e do espolio como o eixo central do Lugar de Memoria Democrática.

–             Que se elimine a banalización dos feitos históricos e non se sitúe a figura do vitimario (Franco) nin de Emilia Pardo Bazán como eixos xustificativos da declaración, desligando a figura de Pardo Bazán (falecida en 1921) da condición de vítima dun espolio franquista que ocorreu anos despois.

–             Que se inclúa expresamente no relato histórico a represión exercida sobre a poboación local, os labradores, as mulleres e os sindicalistas durante a etapa republicana e os anos posteriores ao golpe de estado.

3.- Corrección da tipificación dos métodos de espolio e recoñecemento da impunidade persistente

             Que a resolución non cualifique as apropiacións de terreos e leiras lindeiros como “expropiacións” (acto administrativo legal que non existiu en ningún caso no ámbito da propiedade que recupera o Estado), senón que recoñeza que se trataron de espolios, compras forzosas e abusos baixo coerción e violencia represiva.

–             Que se inclúa no expediente a referencia explícita ao desmonte, espolio e traslado do Pazo e Torre de Bendaña (Dodro), así como os abusos e métodos de incautación de propiedades fóra dos muros do recinto.

–             Que se elimine calquera afirmación que dea a entender que en Meirás cesou totalmente o símbolo da impunidade franquista, mentres existan terreos, bens ou patrimonio en mans dos herdeiros do ditador sobre os que o Estado aínda non actuou para a súa recuperación.

4.- Mantemento da denominación oficial e social «Pazo de Meirás» en denominación do Lugar de Memoria

–             Que se rectifique a denominación do Lugar de Memoria Democrática para restituír o termo «Pazo de Meirás» en lugar de unicamente “Meirás” e por tanto respéctese o uso social consolidado, o catálogo normativo de Patrimonio do Concello de Sada (código 5.1 “Pazo de Meirás”), e evítese a confusión terminolóxica coa parroquia/entidade poboacional de Meirás no seu conxunto.

5.- Corrección de erros materiais e respecto no uso da toponimia oficial

–             Que se corrixa a data formal da compra do Pazo polo Junta Pro Pazo, fixándoa na data exacta do 5 de agosto de 1938 (e non o 3 de agosto) que figura no relato histórico da exposición de motivos da resolución.

–             Na resolución da incoación do procedemento para a declaración deste Lugar de Memoria, que se corrixa e respecte de forma estrita a toponimia oficial galega en todo o expediente, substituíndo as formas deturpadas polas oficiais (A Coruña, Diputación da Coruña, Xulgado de Primeira Instancia Nº 1 da Coruña, Audiencia Provincial da Coruña).

–             Que se retiren as afirmacións e inexactitudes respecto ao suposto consenso unánime sobre o informe da comisión de expertos de 2019, reflectindo de forma fidedigna o papel e o voto particular formulados polo movemento memorialista e o Concello de Sada respectivamente.

6.- Apertura e impulso dunha liña de investigación oficial e integral sobre o espolio e a represión no Pazo de Meirás

Que a Administración Xeral do Estado, a través da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, formalice o compromiso de continuar e impulsar investigacións históricas e documentais de carácter oficial, máis aló das realizadas polo activismo memorialista sobre o Pazo de Meirás e a súa contorna. Devanditas investigacións deberán abordar de xeito exhaustivo:

–             O esclarecemento do inventario completo de bens mobles e inmobles subtraídos ou traspasados irregularmente tras o falecemento do ditador.

–             A identificación e reconstrución histórica con nomes e apelidos de todas as personas represaliadas, familias desposuídas de terras, colonos e traballadores afectados polo proceso de ampliación do recinto e persoas represaliadas pola actividade represiva na comarca.

–             A investigación da totalidade das leiras e propiedades situadas fóra do perímetro amurallado do Pazo que foron adquiridas baixo dinámicas de coacción ou abusos do réxime e que aínda figuran ou figuraron a nome dos herdeiros de Franco, garantizando o dereito á verdade, a xustiza e a reparación completa e imprescritible das vítimas.

7.- En relación co apartado cuarto da resolución recorrida, referida as medidas de protección e difusión.

–              Garantirase a participación do asociacionismo memorialista nas medidas recollidas neste apartado.

–              Modificación do apartado referido a “Usos Compatibles”, xa que se di expresamente que a declaración “non altera o uso actual” e o Pazo de Meirás na actualidade carece de usos definidos. É por iso que propoñemos a seguinte matización na redacción:

Usos compatibles: a declaración como Lugar de Memoria Democrática promoverá usos memorialísticos e de recoñecemento ás vítimas do franquismo, coa complementariedad doutros, sen prexuízo de que calquera uso que se dea ao ben haberá de ser compatible coas medidas propostas de preservación da memoria das violacións dos dereitos humanos para que non volvan repetirse, o recoñecemento e reparación moral das vítimas e a defensa dos principios de xustiza, verdade e reparación”.

Partillar

4 comentarios en «Investigadoras e investigadores apoian o recurso da CRMH da Coruña a unha declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria que non cumpre co establecido na Lei»

    • Moitas grazas Rubén. Eres memoria viva de anos de loita e mobilización da CRMH da Coruña como directivo desta asociación durante moitos anos. E compre reivindicar tamén o papel fundamental que xogaron todas esas directivas, socias e socios, e persoas amigas da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

      Resposta
  • Manifesto o meu apoio ao sinalado recurso administraivo.
    Luis Sánchez, autor da base de datos “Mulleres, homes e homiños”.

    Resposta

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *