
Valoración da CRMH da Coruña sobre a declaración do Pazo de Meirás como Lugar de Memoria
O BOE publica hoxe a resolución pola que se declara o Pazo de Meirás como Lugar de Memoria. Diante desta decisión a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña valora este feito moi positivamente, xa que dita declaración está vinculada á loita social da sociedade e o memorialismo galego.
O Pazo de Meirás é o primeiro lugar de Galiza que acada a categoría de Lugar de Memoria de acordo co recollido na Lei de Memoria Democrática (Lei 20/2022). E isto está vinculado claramente co que representa na memoria galega o Pazo de Meirás ao respecto dos abusos, medidas represivas e impunidade do franquismo.
Máis esta valoración positiva desta resolución ten aspectos tamén difíciles de comprender para a nosa asociación. Non se entende como a Secretaria de Estado de Memoria excluiu na participación deste proceso ao memorialismo galego, que non esquezamos, foi o impulsor e principal actor na reclamación para que o Pazo de Meirás, xunto coa illa de San Simón, fosen declarados lugares de Memoria.
De seguro que se non excluir ao asociacionismo memorialista non se terían publicado, por exemplo, erros materiais reiterados no relato histórico, como establecer a compra do Pazo de Meirás o 3 de agosto de 1938, cando esta se produce o 5 de agosto dese citado ano.
Máis aló de erros materiais, a CRMH da Coruña, quere valorar os seguintes aspectos a respecto da resolución que coñecimos hoxe:
- O nome histórico e social deste ben é “Pazo de Meirás”. A denominación escollida na resolución para este ben é o do conxunto da parroquia, isto é “Meirás”. Esta modificación, atenta claramente coa identidade do ben, e polo tanto coa denominación que vincula a memoria cun lugar concreto, que repetimos, sempre foi coñecido como Pazo de Meirás. Unha decisión esta relevante e importante, que afecta claramente a identificación deste lugar coa Memoria.
- O relato histórico desta resolución recolle que en Meirás houbo ampliación de terras mediante “apropiacións e expropiacións”. Queremos lembrar unha vez máis, que o ben que recupera o Estado é o que esta dentro do perímetro dos muros do Pazo de Meirás. Dentro deste ben, non houbo ningunha expropiación. Só apropiacións. Outra cousa é fora de muros, onde o Estado, ou ben por chegar demasiado tarde, ou ben por pasividade deste, teñan relatos diferentes. Todos eles vinculados á impunidade do franquismo que o relato da resolución non cita.
- Esquece a resolución un feito nada menor.O Pazo de Meirás está declarado como Ben de Interese Cultural coa categoría de sitio histórico, e isto ten consecuencias (como por exemplo a apertura ao público) que a parte resolutiva esquece. Non se cita tampouco nada ao respecto das medidas de protección e difusión, as medidas que se adoptarán ao respecto da xestións e usos que se darán no Pazo de Meirás.
- En relación co anterior, nada se cita sobre a necesaria cesión modal deste ben a Galiza, condicionada esta a usos principais vinculados á memoria das vítimas da represión.
En relación con estas cuestións, a CRMH da Coruña anuncia que solicitará acceso como parte interesada, ao expediente administrativo. Compre saber en que se baseou o Estado para afirmar cuestións importantes que se recollen na resolución, como o cambio de denominación do que todas e todos coñecemos como Pazo de Meirás.
Por último, esiximos do Estado, unha vez máis, o cumprimento da legalidade sobre a apertura e usos do Pazo de Meirás, que lembramos sigue pechado a dia de hoxe e de xeito totalmente irregular á visita pública.
