Casa Cornide e a revisión de oficio dos acordos de permuta; unha demora inxustificable do acordo, que non terá efectos legais sobre a titularidade
Diante do anuncio do goberno municipal da Coruña, no que se da conta da aprobación por parte da Xunta de Goberno Local, do inicio do procedemento para a revisión de oficio dos actos administrativos relativos aos cambios de titularidade da Casa Cornide, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña quere manifestar publicamente as seguintes cuestións:
1.- Resulta lamentable, soprendente e inxustificable a tardanza no exercicio da acción de revisión de oficio dos acordos municipais do Pleno da Corporación de 1962 cando dito exercicio xa foi obxecto de procedencia e pertinencia xurídicas no informe de 14/12/2020, redactado por 3 profesores da UDC, e no que se sustenta o acordado hoxe en Xunta de Goberno Local do Concello da Coruña.
Ou o que é o mesmo, o goberno municipal acordou agora revisar de oficio o que se propuxo pola equipa da UDC hai agora 3 anos e 4 meses. Un retraso inxustificable, como xa se comentou, que xoga en contra precisamente da gran eiva para a revisión de oficio deses acordos, o tempo trancorrido desde que se aprobaron, en 1962.
2.- Con independencia do anterior, e aínda na hipótese de que dita revisión prosperase, non tería efectos legais sobre a titularidade do inmoble que detenta a familia Franco. A vía civil é a única que pode botar os Franco da Casa Cornide. E esa vía civil nin se ten exercitado ata agora nin tampouco se ten xustificado as razóns para non ter presentado xa ante o Xulgado a acción posesoria e reivindicatoria que tamén se propoñía no mencionado informe da equipa da UDC.
3.- A Casa Cornide exemplifica os efectos da pasividade de anos das distintas administracións (quer estatal ou autonómica ou local) respecto do franquismo e da apropiación fraudulenta e ilegal de bens polo ditador e súa familia, tal e como aconteceu, e así quedou acreditado, en Meirás.
A realidade é que case 62 anos despois dos acordos municipais de enaxenación a Carmen Polo de Franco da Casa Cornide, a familia do ditador segue detentando o inmoble. Ao que cabe engadir o feito da non apertura pública para visitas de dito inmoble, declarado BIC, ante a pasividade cómplice da Xunta de Galiza.