Actualidade

A asemblea de soci@s da CRMH da Coruña escolle a Jesús Castro Vidal como Republicano de Honra 2024

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña reuniuse onte en Asemblea Xeral de soci@s para deliberar e votar a elección da persoa á que se lle outorgará o título de Republicano de Honra.

Esta escolla forma parte dos actos e actividade que a CRMH da Coruña desenvolve cada ano (agás por mor da pandemia no 2021) ao redor do Día da República que vén organizando desde o ano 2008. (nesta ligazón pode consultarse a relación completa de persoas nomeadas).

O nomeamento para este ano 2024 recaeu no sadense Jesús Castro Vidal, defensor e loitador incansábel da memoria republicana da que el conserva lembranzas da etapa republicana desde as súas vivencias como veciño de Sada.

Jesús Castro naceu en Riovao (Sada) o 14 de xullo de 1927, polo que este ano cumprirá 97 anos. Foi o máis pequeno de 5 irmáns, un deles, Ricardo, morto en combate na Guerra Civil como membro dunha escuadra de combate na fronte de Teruel.

En Sada é ben coñecido polo seu activismo social, cultural e político, formando parte de entidades como a Plataforma pola Democracia en Sada (que ao igual que a CRMH da Coruña cumpre este ano 2024 o seu 20 aniversario), da AC Irmáns Suárez Picallo entre outras. Participou tamén en diferentes candidaturas nas eleccións municipais en Sada e foi impulsor do monumento-memorial que existe no paseo marítimo de Sada de recoñecemento e memoria ás vítimas da represión franquista en Sada.

Este vindeiro martes 19 de marzo a CRMH ten convocado un grupo de traballo de soci@s para a elaboración do programa de actividades e actos con motivo da celebración do Día da República, e que celebraremos na Casa Museo Casares Quiroga da Coruña a partir das 18:00 horas.

Xunta Directiva da CRMH da Coruña

Partillar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *