A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña conmemora e reivindica o Día da Muller homenaxeando a Luisa Villalta
A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña celebrou un acto de homenaxe, lembranza e recoñecemento no que se reivindicou o 8 de marzo, Dia Internacional da Muller, facendo unha ofrenda floral na praza do Papagaio, fronte aos paneis con poemas da escritora galega que no seu día colocou a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.
Pretendemos así celebrar esta data reivindicativa, homenaxeando a unha persoa comprometida e defensora dos valores da Memoria Democrática, no espazo ao que adicou xunto a Maribel Longueira o libro “Papagaio”, de grande significación na reivindicación dos dereitos das mulleres, ademais da denuncia sobre a especulación urbanística do lugar.
No acto participaron mulleres da CRMH da Coruña que xunto á presidenta da AC Alexandre Bóveda fixeron lectura de poemas recollidos no libro “Papagaio”. Ademais houbo unha actuación musical de Xosé Taboada Durán que iniciou o acto cunha das pezas clásicas que eran do gusto de Luisa Villalta.